A Deputación destina máis de 1,7 millóns a subvencións culturais para entidades sen ánimo de lucro en 2027

12 Novembro 2026
A deputada de Cultura, Natividade González, na presentación da nova edición de Culturgal

A Deputación da Coruña vén de convocar dous programas de subvencións dirixidos a entidades culturais sen fins de lucro da provincia para o ano 2027, sumando un investimento total de 1.725.000 euros. Estas axudas, publicadas este xoves 12 de novembro no Boletín Oficial da Provincia, buscan “fortalecer a liña de apoio ao tecido asociativo e promover a dinamización cultural nos municipios coruñeses”, en palabras da Administración provincial, que explica que a primeira liña de subvencións conta con un orzamento de 1.200.000 euros destinados ao apoio e desenvolvemento de proxectos e actividades culturais por parte de entidades culturais, veciñais, pedagóxicas e asistenciais. As contías asignadas para estes proxectos oscilarán entre un mínimo de 3.000 euros e un máximo de 30.000 euros por entidade.

A segunda liña de axudas dispón dunha partida de 525.000 euros dirixida á realización de investimentos necesarios para o desenvolvemento de proxectos culturais na provincia. A esta convocatoria poderán concorrer asociacións, entidades representativas do sector, fundacións e titulares de museos, centros de interpretación ou bibliotecas con domicilio fiscal na provincia da Coruña, con contías que irán desde os 3.000 ata os 15.000 euros.

A deputada de Cultura, Natividade González, salientou a relevancia destas convocatorias para “manter vivo o tecido asociativo da provincia”. E engadiu: “Con estes máis de 1,7 millóns de euros non facemos máis que confirmar o compromiso da Deputación coa cultura de base, garantindo que as asociacións e entidades locais contan co orzamento e cos recursos necesarios para seguir desenvolvendo a súa actividade e enriquecendo a vida cultural do noso territorio”.

O prazo para a presentación de solicitudes abrirase ás 08:00 horas do vindeiro 20 de novembro de 2026 e permanecerá activo ata as 14:00 horas do 18 de decembro de 2026. Toda a tramitación farase obrigatoriamente por vía telemática mediante a plataforma SUBTEL, accesíbel a través da sede electrónica da Deputación Provincial da Coruña.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.