
A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, e o alcalde de Porto do Son, Luis Oujo, asinaron a acta de comprobación material do investimento da nova máquina varredora destinada a reforzar os labores de limpeza e recollida de residuos nas vías públicas do municipio que contou cunha axuda da Xunta de preto de 78.000 euros ao abeiro do Fondo de Compensación Ambiental non competitivo deste ano 2026, e cun investimento total de máis de 95.000 euros.
Durante a visita, a representante autonómica puido coñecer as características e o funcionamento deste novo equipamento, que permitirá mellorar os medios materiais dos que dispón o Concello para realizar as tarefas de mantemento e limpeza dos espazos públicos.
A máquina, autopropulsada e equipada cun sistema de varrido por aspiración, conta con dous cepillos laterais e unha tolva para o almacenamento dos residuos recollidos, así como con sistemas que facilitan o seu manexo e mantemento. Incorpora tamén unha cabina acondicionada para o traballo do operario e distintos dispositivos electrónicos para controlar as funcións de varrido, aspiración e descarga.

Belén do Campo puxo en valor “a utilidade deste tipo de investimentos para reforzar os servizos municipais” e “contribuír á conservación dos espazos públicos, incidindo na importancia da colaboración entre a Xunta e os concellos para atender as necesidades da cidadanía e avanzar na mellora da contorna”.
Lembrou que “o Fondo de Compensación Ambiental é unha ferramenta de apoio aos concellos galegos para financiar actuacións orientadas á protección, conservación e mellora do medio ambiente, así como iniciativas que contribúan a unha xestión máis sostíbel dos recursos e dos servizos municipais”.
Con esta adquisición, o Concello de Porto do Son incorpora novos medios para desenvolver os traballos de limpeza viaria e recollida de residuos, contribuíndo ao coidado dos espazos públicos e á mellora da calidade ambiental do municipio.
Belén do Campo engadiu que “o Fondo de Compensación Ambiental foi creado para distribuír o canon eólico en beneficio da conservación e restauración da contorna, así como do reequilibrio territorial”. Conta con dúas liñas: unha non competitiva, dotada con 6 millóns de euros, dirixida aos concellos nos que haxa parques eólicos ou nos que haxa vías de evacuación e a competitiva destinada a todos os municipios e a mancomunidades ou consorcios locais de Galicia que contou con 3 millóns de euros para o conxunto de Galicia.
Concretamente, na liña non competitiva a delegada lembrou que a Xunta de Galicia repartiu neste 2026 na provincia máis de 2,1 millóns de euros para 42 proxectos e na comarca de Barbanza recibiron estas achegas 10 concellos (Boiro, Carnota, Lousame, Mazaricos, Muros, Outes, Pobra Porto do Son, Rianxo e Ribeira) por un importe de máis de 528.000 euros.
Na liña competitiva na provincia da Coruña foron beneficiados 23 concellos, ademais do Consorcio das Mariñas e da Mancomunidade de Concellos da comarca de Ferrol por un importe total de máis de 614.000 euros e na comarca do Barbanza 4 municipios, concretamente, Boiro, Lousame, Outes e Ribeira con axudas por un importe total de preto de 124.000 euros.

Entre as actuacións obxecto de subvención englóbanse aqueles investimentos e custos de funcionamento dos servizos municipais dedicados á protección do medio como campañas divulgativas e de sensibilización sobre boas prácticas ambientais, plans e proxectos ambientais; as accións de eficiencia enerxética e de redución da contaminación lumínica; ou as melloras enerxéticas nas instalacións municipais, xa sexa na envolvente do edificio, iluminación e climatización interior e instalación de caldeiras de biomasa, paneis solares térmicos ascensores eficientes ou sistemas de aforro de auga. Tamén se financia ao abeiro destas axudas a adquisición de vehículos con distintivo ambiental cero emisións ou eco, así como os destinados a actuacións a prol da contorna natural e para a recollida e traslado de residuos.



