
As actuais xeracións de galegos están -estamos- a ver as que moi probablemente sexan as últimas – derradeiras?- xeracións de cabalos salvaxes ou semisalvaxes que viven nas serras da nosa comunidade autónoma. Nomeadamente, as coñecidas popularmente como “as bestas”, que nacen e se reproducen nos montes contribuíndo deste xeito á supervivencia doutras especies coma os lobos, os corvos, etc., amais de axudar -grazas ao pastoreo- á conservación dos propios montes, dos que as bestas son en boa medida protectores indiscutíbeis debido á súa capacidade de consumir toxo e outras herbáceas que, sendo esenciais para a súa alimentación tamén son un evidente perigo pola facilidade coa que prenden lume.
En Galicia existe o maior número de cabalos en liberdade de toda Duropa. Son os cabalos de monte ou garrano,, descoñecidos para a inmensa maioría dos galegos e, nos últimos tempos, obxecto de estudos profundos porque a tendencia é á súa desaparición. Para eles non hai ningún plan de conservación. Nen sequera de protección ante o ataque de lobos malia seren cabalos que teñen propietarios, como se evidencia nos curros que permiten o saneamento, desparasitación e rapa (corte de crinas) que atraen anualmente a milleiros de persoas que se maravillan con estas bestas e como os aloitadores son quen de as guiar a ese curro ao que antigamente se conducían aos mellores exemplares con destino aos matadoiros e o aproveitamento das crinas.
O arqueólogo do Instituto de Estudos Miñoráns, Xosé Lois Vilar, afirma que as bestas “levan en Galicia desde a última glaciación, vai uns doce mil anos”. Que pervivan ten un valor identitario, particularmente na serra do Barbanza, probablemente -xunto coa serra do Barbanza- onde existe un maior número de cabezas en liberdade de todo o continente europeo.
Os cabalos, din os seus propietarios, son unha tradición milenaria en Galicia. Pero os parques eólicos, determinados usos do monte e a numerosa presencia neles do lobo, son elementos que inciden negativamente no mantemento e conservación deste magnífico e poderoso cuadrúpedo.


