
Primeiro foi o banco canario-sahariano, onde as frotas de Canarias, Andalucía, Galicia e outras comunidades autónomas en menor medida, sacaban avante o sempre pouco doado labor de pescar e desempeñar economicamente as empresas pesqueiras que tanto deron de comer aos saharauís, aos marroquís e aos propios españois. Posteriormente, os caladoiros de Namibia, Angola, Marrocos, Mauritania, Senegal ou mesmo Guinea xogaron as súas bazas coa UE e torceron o brazo dos intereses económicos de España e, paradoxalmente, da verdadeira potencia pesqueira que foi -aínda é?- Galicia.
Marchan de aquí os barcos e os traballadores do mar -os mariñeiros- contemplan, incrédulos, como as súas capacidades se transfiren -grazas á Unión Europea- a traballadores senegaleses, angolanos ou marroquís e, aquí, seguirmos a depender de acordos que só froitifican nos libros de rexistro comunitarios e nas contas bancarias negativas dos galegos que ensinaron a pescar á inmensa maioría dos que agora en África pescan con chineses, rusos ou xaponeses porque semella que son os verdadeiros amos do mar: onde antes campaban barcos galegos e soaba a gaita, actualmente non hai gaita que tocar. Só hai laios e botar á vista atrás, cando moitos armadores galegos advertían das negativas consecuencias que para nós ía ter o feito de que, por Galicia, falaran outros europeos que non dependeran da pesca tanto coma nós. E a pesca, non o esquezamos, aínda segue a ter un peso específico no “debe” e o “haber” de armadores e mariñeiros desta parte de Europa acostumada a cocer e fritir peixe para comer.
Unha ducia do cento de barcos arrastreiros de fresco adicados á captura de pescada e que carecen de caladoiros alternativos, berran mentalmente un sonoro “basta xa!” contra a Comisión Europea e a Administración española por non lles ter dado unha alternativa á súa obrigada saída dos caladoiros africanos, agora materia de negociacións que non dan unha alternativa a aqueles que o deron todo a conta dunha pesca que non se comparte.
Nada novo. O de case que sempre.



