
Hai bos xuíces, profesionais e valentes que cumpren coas súas obrigas. Un deles, sen dúbida, é Borja Pérez, titular do Xulgado Número 2 de Ribeira. Dita un auto xudicial polo cal suspende o lanzamento dunha familia vulnerable de Ribeira, en aplicación do novo RDL 29/2026 polo que se adoptaron “medidas urxentes para a protección da función social da vivenda e a ampliación da oferta de vivenda alcanzable”, instando á Consellería de Vivenda da Xunta de Galicia para que lle informe nun prazo de dous meses“, expresamente, “acerca dos recursos que teñen dispoñibles para que sexan ofrecidos”, suspendendo o Xulgado o procedemento ata que se garanta “unha alternativa habitacional adecuada” á familia vulnerable.
O mesmo Xulgado Número 2 sinala ademais, no mesmo auto, que “ a administración competente en materia de vivenda da Xunta de Galicia asumirá os gastos necesarios para a compensación que se acorde en favor da persoa demandante” e que comprenderán a renda contractual deixada de percibir, así como os custos de subministracións impagadas e as custas procesuais a favor do demandante ou propietario da vivenda.
O xuíz tamén establece de xeito tallante que “se a Administración non proporciona unha alternativa habitacional nin se verifica a enervación da acción de desafiuzamento, a Administración Pública pasa a subrogarse automaticamente na posición do demandado”. Nos Fundamentos de Dereito, o Xuíz Borja Pérez, fai referencia á exposición de motivos do RDL 29/2026 sobre a “voracidade do mercado inmobiliario que impide a función social da vivenda, provocando unha afectación xeneralizada e mantida do acceso a alternativas habitacionais especialmente para as clases medias e traballadoras”.
Este xuíz, con orgullo de ribeirense, simplemente limitouse a cumprir coa legalidade vixente, oxalá rendese o exemplo noutros compañeiros de profesión.


