Educación, prevención e sensibilización centran a programación do 25N na Pobra do Caramiñal

05 Novembro 2026

A educación como ferramenta de prevención e a sensibilización social constitúen os principais eixos da programación organizada pola Concellería de Igualdade da Pobra do Caramiñal con motivo do 25N, Día Internacional contra a Violencia de Xénero. A concelleira Estefanía Ramos, acompañada pola asesora xurídica do servizo municipal, María José Pérez, presentou as actividades que se desenvolverán ao longo de novembro.

Segundo indicaron, a axenda “reúne propostas destinadas ás diferentes etapas educativas, accións formativas para o profesorado e actividades abertas á cidadanía, co obxectivo de fomentar relacións baseadas no respecto e na igualdade, favorecer a identificación das distintas manifestacións da violencia machista e dar a coñecer os recursos de apoio existentes”.

O programa combina tamén o traballo preventivo desde as primeiras idades coa coordinación institucional e a participación social, incorporando tamén propostas culturais e iniciativas de concienciación para implicar a poboación na loita contra a violencia de xénero, indicaron.

Educación e prevención desde as primeiras idades

A programación comezou o 4 de novembro co obradoiro Conectad@s, dirixido ao alumnado de 1.º da ESO do IES da Pobra e financiado pola Dirección Xeral de Loita contra a Violencia de Xénero da Xunta de Galicia. Esta actividade abordou os riscos asociados ao uso das pantallas e proporcionou ferramentas de autocoidado para mellorar a seguridade persoal na contorna dixital.

Entre o 11 e o 16 de novembro, o persoal técnico da Concellería de Igualdade presentará o servizo municipal ao alumnado do CPR Divino Maestro e de 2.º da ESO do IES da Pobra do Caramiñal. O propósito é achegar á mocidade os recursos existentes para previr e afrontar situacións de discriminación ou violencia, favorecendo que identifique este servizo como un espazo seguro e confidencial ao que acudir cando o precise.

A formación do profesorado tamén terá un papel destacado, con dúas sesións de co-educación en igualdade previstas para os días 12 e 26 de novembro. Estarán impartidas por Laura Viñuela, experta na aplicación práctica da perspectiva feminista, e centraranse na identificación dos estereotipos de xénero e na incorporación deste enfoque ao ámbito educativo. “Preténdese contribuír á eliminación de barreiras desde as primeiras idades e favorecer contornas escolares fundamentadas na igualdade de oportunidades, no respecto mutuo e na corresponsabilidade”, explicaron Ramos e Pérez.

Pola súa banda, os centros de educación infantil participarán, entre o 23 e o 27 de novembro, nunha actividade de contacontos contra a violencia de xénero. A través da literatura, traballaranse valores como a empatía, o bo trato, a resolución pacífica dos conflitos e a construción de relacións igualitarias.

O teatro será outra das ferramentas empregadas para transmitir estas mensaxes. O 23 de novembro, a compañía Ghazafelhos representará Travesía Unicornio para o alumnado de educación primaria, unha proposta que combina humor e reflexión para cuestionar os roles tradicionais de xénero e fomentar a liberdade de decisión na infancia.

Ao día seguinte, o 24 de novembro, o alumnado de 3.º da ESO do IES da Pobra do Caramiñal participará na actividade Unha historia de diversidade a través da arte, impartida pola creadora, cineasta, escritora e ilustradora Carmen Granxeiro. Mediante un percorrido interactivo pola historia da arte, a proposta permitirá achegarse ás distintas formas de ser e sentir no mundo. Esta iniciativa conta co financiamento da área de Igualdade da Deputación da Coruña.

Coordinación institucional e compromiso colectivo

Ademais, a Casa da Mocidade acollerá o 20 de novembro, ás 10.00 horas, a Mesa Local de Coordinación Interinstitucional contra a Violencia de Xénero, un encontro enmarcado no traballo conxunto entre os diferentes ámbitos implicados na prevención e na atención desta problemática.

Un dos actos centrais da programación celebrarase o propio 25 de novembro, ás 19.00 horas, cunha concentración nos Xardíns de Valle-Inclán, xunto á escultura de homenaxe ás vítimas da violencia de xénero. Esta convocatoria constituirá un espazo de lembranza e de expresión do rexeitamento colectivo a todas as manifestacións desta violencia.

Ademais, entre o 23 e o 30 de novembro, os mesmos xardíns albergarán unha exposición informativa instalada sobre estruturas en forma de prisma. A mostra permitirá identificar distintas manifestacións da violencia de xénero, incluídas aquelas que poden pasar desapercibidas nas súas primeiras fases, e ofrecerá información sobre os recursos de axuda dispoñíbeis.

Entre eles figuran o teléfono 016 e os servizos de emerxencia, co obxectivo de facilitar á cidadanía información útil sobre onde acudir e como actuar ante unha situación de violencia.

Sensibilización tamén nas redes sociais

A programación complétase coa promoción da campaña Desmárcate das violencias machistas, que este ano incorpora unha iniciativa participativa nas redes sociais da Concellería de Igualdade.

A través da conta @igualdadeapobra, desenvolverase un sorteo de tres lotes de materiais da campaña, entre os que se inclúen camisolas, bolsas, paraugas, cadernos e outros artigos promocionais. O propósito é ampliar a difusión das mensaxes de sensibilización e fomentar a reflexión colectiva.

Para participar será necesario seguir a conta, indicar que gusta a publicación correspondente e deixar un comentario no que se etiquete outra persoa e se inclúa o lema Desmárcate das violencias machistas ou unha mensaxe contra estas violencias. Tamén se anima a compartir a publicación nas historias para favorecer a súa difusión. O prazo permanecerá aberto ata o 24 de novembro ás 23.59 horas.

Con este conxunto de actuacións, a Concellería de Igualdade busca “reforzar o traballo preventivo ao longo de todas as etapas educativas, dar visibilidade aos recursos de atención e promover unha maior conciencia social arredor da violencia de xénero, situando a educación e a participación cidadá como elementos fundamentais para avanzar cara a unha sociedade máis igualitaria e libre de violencias machistas”.

Baile de confraternidade o 13 de novembro

Aproveitando o envío desta información, a concelleira lembrou baile de confraternidade para as persoas maiores, inicialmente previsto para unha data anterior, quedara aprazado con motivo do loito decretado. Finalmente, celebrarase o vindeiro venres, 13 de novembro, ás 20.00 horas, no Polideportivo Municipal da rúa Venecia, coa actuación do grupo Mar Davila.

Outros artigos

A Boliña (Boiro) celebra este sábado o seu magosto

O Campo de Revelar (A Boliña, Boiro) vai acoller este 7 de novembro a celebración do magosto popular da Boliña. Será unha cita participativa para veciños e visitantes que dará comezo ás 18.00 horas do sábado. Haberá celebracións gastronómicas con castañas e viño e...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“El papel de la mujer en Marruecos”. José Castro López

“El papel de la mujer en Marruecos”. José Castro López

Traigo a este comentario un hecho político que invita a mirar a Marruecos desde laperspectiva del papel de la mujer en una sociedad de profundas tradiciones y arraigadascostumbres machistas bajo una “democracia controlada”, como muchos la califican.En Marruecos ganó...

“Non é a guerra, míster: son os feitos”. Antón Luaces

“Non é a guerra, míster: son os feitos”. Antón Luaces

O vicepresidente de Estados Unidos de América, mr. Vance, nun arranque de sinceridade comedida, culpaba onte á guerra (ou guerras) nas que están metidos os estadounidenses, dos nefastos resultados acadados nas eleccións de medio mandado que non deixan moito marxe de...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.