
A carreira Sin-Son 10k do concello do Porto do Son segue a recordarnos, mesmo antes de celebrarse a súa edición 2026 (o 20 de decembro), os porqués de que estea considerada unha das grandes citas deportivos do ano en Galicia. De feito, a proba bate marcas mesmo no seu prazo de inscrición, xa que este ano esgotou todas as prazas dispoñíbeis (a través de Emesports) en menos de dúas semanas, malia estar (en inicio) o prazo de rexistros aberto ata o domingo 13 de decembro.
Debido a esta importante actividade nos rexistros, a organización (o Concello) habilitou cen prazas máis, polo que este ano teremos 1.600 deportistas tomando a saída en Portosín ás portas do Nadal.
O edil de Deportes, Carlos Lorenzo, mostrou o agradecemento da organización a todas e todos as/os deportistas que confirmaron a súa asistencia á carreira.
Como dixemos, a nova edición da proba celebrarase da man do Concello o vindeiro domingo 20 de decembro. Será unha cita que reunirá a deportistas nun percorrido de 10 quilómetros entre Portosín e Porto do Son e que está incluída no calendario oficial da Federación Galega de Atletismo.
A saída da proba absoluta está prevista para as 11:00 horas desde Portosín, con chegada ao Porto do Son. O circuíto constará dun primeiro tramo urbano de 3,55 quilómetros en Portosín con outros 6,45 quilómetros pola estrada AC-550 ata alcanzar a meta, situada na zona portuaria de Porto do Son.
O prazo de inscrición comezou o venres 23 de outubro.
A organización habilitará diferentes opcións para a recollida de dorsais e chips, tanto nos días previos como na propia xornada da proba. Ademais, os participantes disporán dun servizo de autobuses para trasladar os participantes desde Porto do Son ata Portosín, lugar de saída da proba.



