
O presidente da Asociación de Concellos do Camiño da Ría de Muros Noia e da Ría da Estrela, Luís Oujo, e Sebastián Valverde, técnico de ambas entidades, participarán na presentación institucional do certificado oficial que designa a Vía Querinissima como Itinerario Cultural Europeo. Un acto que terá lugar este venres 6 de novembro no Salón do Piovego e na Loggia Foscara, dous espazos históricos de gran relevancia institucional emprazados no Pazo Ducal de Venecia, e que reunirá a representantes dos dez países membros da asociación Vía Queirníssima.
Luís Oujo destaca que “este recoñecemento á Vía Querinissima, itinerario cultural inspirado na viaxe de Pietro Querini e do que forma parte o Camiño de Santiago pola Ría de Muros Noia, é un momento histórico que pon en valor o traballo que levamos realizado nos últimos anos dende a Asociación. Non en van, a nosa presenza como ruta xacobea doulle o impulso final que necesitaba esta candidatura despois de case unha década de espera”.
Un traballo que recollerán no relatorio Do mar ao Camiño: seguindo as pegadas de Pietro Querini en Galicia, que Oujo e Valverde ofrecerán na Loggia Foscara no marco dunha mesa redonda titulada Viaxando ao longo da Vía Querinissima a través do turismo cultural, o arte, as tradicións, comida, viño e valores compartidos.
Luís Oujo aproveitará para salientar “o éxito acadado polas peregrinacións marítimas a Santiago seguindo os pasos de Pietro Querini, cuxo percorrido dende o porto de Muros ata a catedral de Compostela no ano 1431 foi fundamental para determinar a historicidade deste Camiño Xacobeo e serve de base a un produto turístico que cada ano gaña máis seguidores”.
Representantes institucionais
As principais autoridades de Venecia serán as encargadas de dar a benvida aos representantes dos dez países que integran a Vía Querinissima (Italia, Noruega, Suecia, Suíza, Grecia, España, Cidade do Vaticano, Portugal, Austria e Reino Unido). Entre elas figuran Alberto Stefani, presidente da Rexión do Veneto; Luca Zaia, presidente do Consello Rexional do Veneto; Simone Venturini, alcalde da cidade de Venecia, e Corrado Azzollini, superintendente de arqueoloxía, artes e paisaxe da Cidade Metropolitana de Venecia.
Acto seguido, desenvolveranse cinco mesas redondas sobre distintos aspectos da Vía Queriníssima. A primeira sesión, Identidades a través das políticas locais e as infraestruturas, contará coa participación do conselleiro rexional Marco Zecchinato, que falará sobre territorios e identidades ao longo da Vía Queirinissima; e Matteo Gasparato, presidente da Autoridade Portuaria de Venecia e o Norte do Adriático, quen disertará sobre o porto veneciano como patrimonio marítimo europeo.
A seguinte sesión, titulada Dende a Vía Querinissima a Europa: o valor estratéxico das rutas culturais, contará coa participación de Roberto Ciambetti, presidente da Asociación Vía Queirinissima; Ruí Gómez, director do Programa de Rutas Culturais Europeas; e María Giusi Luprano, integrante do Ministerio de Cultura.
O director da Biblioteca Nacional de San Marcos, Stefano Trovato, falará sobre o mundo nos tempos de Pietro Querini, dentro da mesa redonda Vía Querinissima: herdanza cultural, busca e historia. Estará acompañado por Daniela Di Pinto, do departamento de Manuscritos da Biblioteca do Vaticano; Stefano Agnoletto, membro do comité científico da Vía Querinissima; e Eleonora Berti, experta en rutas culturais do Consello de Europa.
Finalmente, na sesión na que tomarán parte Luís Oujo e Sebastián Valverde, estarán acompañados por Hans Morten Lovrod, do Condado de Trondelag en Noruega; Angela Munaria, da Fundación Querini Stampalia; Evangelos Koutantos, director da Axencia Heraklion (Grecia); Akrivi Vagena, da asociación 3win Action (Grecia); e Tiziana Agostini e Antonio Chemello, presidentes das asociacións gastronómicas Irmandade de Bacallau á Vicentina e Pro Loco di Sandrigo. A sesión de clausura correrá a cargo de Arne Ivar Mikalsen, vicepresidente da Vía Querinissima, e Luca Zaia, presidente do Consello Rexional do Veneto.
Acordo en Luxemburgo
A declaración da Vía Querinissima como Itinerario Cultural Europeo foi acordada pola Xunta de Goberno do Acordo Parcial Ampliado sobre Itinerarios Culturais do Consello de Europa reunido o pasado 7 de maio en Luxemburgo, tras corroborar que cumpría cos criterios de certificación incluídos na Resolución CM/Res (2023) do Comité de Ministros do Consello de Europa.
Os Itinerarios Culturais Europeos son unha iniciativa do Consello de Europa para crear un vínculo entre a cidadanía europea e o seu patrimonio cultural. Trátase de rutas entre lugares de especial interese histórico e turístico que promoven o enriquecemento mutuo e o intercambio, ao tempo que facilitan a conciencia dunha identidade europea común. Algo que quedou patente en 1987, data na que o Camiño de Santiago se converteu na primeira ruta en conseguir esta distinción. A incorporación agora do Camiño da Ría de Muros Noia supón a segunda ruta xacobea e a primeira na que se inclúe un camiño marítimo.



