A presidenta do ente autonómico, Natalia Botana, reuniuse coa nova xunta directiva do club para avaliar plans de mellora tanto na lámina de auga como en terra.
A presidenta de Portos de Galicia, Natalia Botana, mantivo este martes unha xuntanza de traballo na sede do ente público cos membros da directiva do Real Club Náutico de Portosín, elixida o pasado verán, co obxectivo de analizar os plans de investimento que a entidade deportiva quere acometer nas instalacións portuarias.
Durante a reunión, os responsables do náutico expuxeron os seus principais eixos estratéxicos, centrados na ampliación das infraestruturas actuais e no reforzo dos servizos dispoñibles para os usuarios. Entre as iniciativas presentadas destacan proxectos para gañar superficie operativa tanto na zona de terra como na lámina de auga, ademais de aproveitar espazos portuarios existentes para novos usos, como o desenvolvemento de actividades formativas.
Pola súa banda, Natalia Botana confirmou a disposición de Portos de Galicia para colaborar co club e axilizar a tramitación dos permisos necesarios que permitan materializar estes proxectos de modernización e dinamización na infraestrutura sonense.




