José Manuel Cortizo sitúase no posto 76 dos máis ricos de España tras acadar a compañía padronesa un récord histórico de produción e rozar os 1.000 millóns de facturación.

O fundador e presidente de Aluminios Cortizo, José Manuel Cortizo Sóñora, estreouse na prestixiosa Lista Forbes 2026 ocupando a posición número 76 cunha fortuna estimada en 750 millóns de euros. Este recoñecemento patrimonial coincide co crecemento récord do grupo industrial con sede en Padrón, que pechou o exercicio de 2025 cun pulo do 10,4 % na súa facturación ata acadar os 988,9 millóns de euros, quedando a un paso de rebasar a barreira dos mil millóns.
O liderado da firma especializada no deseño e produción de solucións de aluminio e PVC para a arquitectura e a industria viuse consolidado polo avance na súa actividade fabril. A produción medrou un 4,7 % respecto ao exercicio de 2024, alcanzando as 118.546 toneladas e superando así o anterior teito histórico da compaña, rexistrado en 2021 con 115.000 toneladas de perfilaría.
A compaña líder do sector en España pechou o pasado ano con 4.055 empregados en cadro de persoal, superando por vez primeira os catro milleiros de traballadores. Nun escenario de expansión continuada, a compañía anunciou un plan de investimentos de máis de 300 millóns de euros con horizonte en 2030, que contempla a construción de catro novas factorías emprazadas nos Estados Unidos, Portugal, Romanía e nas actuais instalacións centrais de Padrón.



