O conselleiro López Campos anunciou en Vila de Cruces o apoio autonómico á conmemoración durante os actos polo 98 aniversario do nacemento do autor de «Memorias dun neno labrego».

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, anunciou este martes que o Goberno galego sumará unha programación específica de actividades para conmemorar a figura de Xosé Neira Vilas con motivo do Día das Letras Galegas dedicado ao escritor crucense. Fíxoo durante a lectura continuada de Memorias dun neno labrego organizada na sede da Fundación Neira Vilas, en Vila de Cruces, coincidindo co 98 aniversario do nacemento do narrador.
Acompañado polo secretario xeral da Lingua, Valentín García, López Campos celebrou a escolla do autor por parte da Real Academia Galega, cualificándoo como «un dos nosos autores universais e pioneiro da literatura infantil e xuvenil en galego». O titular de Cultura subliñou que o proxecto conmemorativo estará «á altura da relevancia cultural e intelectual desta figura, que vai máis alá da creación do memorable Balbino», lembrando a súa faceta como prolífico editor, investigador, cronista da emigración e dinamizador do rural tralo seu regreso de América.
No marco da xornada, que coincidiu tamén coa celebración do Día da Lectura, o conselleiro debullou os apoios institucionais ao sector editorial e á promoción da lingua. Entre eles, destacou que as contas autonómicas consignan máis de tres millóns de euros para o Plan de dinamización da lectura de Galicia e as accións vinculadas ao Plan xeral de normalización da lingua galega, tales como a rede de clubs de lectura, a dinamización escolar e a tradución de referentes internacionais ao galego.
López Campos vinculou estes investimentos cos resultados do último informe sobre hábitos lectores elaborado pola Xunta, que reflicte que a porcentaxe de poboación que le en galego de xeito habitual ou ocasional medrou case nove puntos nun ano, pasando do 63,6 % ao 72 %.



