A intervención reparará a envolvente exterior, mellorará o illamento e resolverá os problemas de filtracións sen interromper a actividade diaria do mercado.

O Consorcio de Santiago vén de sacar a concurso público as obras de mantemento e acondicionamento térmico da torre de servizos centrais da Praza de Abastos, situada na rúa das Ameas. O proxecto sae a contratación cun orzamento base de 104.417,39 euros (IVE incluído) e un prazo previsto de execución de seis meses. As empresas interesadas teñen de marxe ata o vindeiro 24 de novembro, ás 14:00 horas, para formalizar as súas ofertas.
A actuación ten como meta optimizar o comportamento enerxético e garantir a preservación deste inmoble singular do conxunto histórico proxectado por Joaquín Vaquero Palacios entre 1937 e 1941. A obra abordará de xeito prioritario as filtracións de auga que afectan á planta baixa desde a escaleira exterior e os muros perimetrais.
No exterior, os traballos consistirán na limpeza, tratamento e reparación dos paramentos de pedra, xunto coa restauración de carpintarías e reixas deterioradas, respectando os materiais orixinais do edificio catalogado. Así mesmo, actuarse nas cubertas e nos puntos críticos da envolvente para frear as vías de entrada de auga.
No tocante ao interior da planta baixa, prevese a instalación de illamento térmico e a execución dunha cámara bufa en todo o perímetro para combater a humidade por capilaridade. O proxecto contempla tamén a adecuación xeral das dependencias anexas e a reparación das instalacións danadas, todo elo mediante unha planificación por fases deseñada para manter o funcionamento e a actividade comercial habitual do mercado durante o desenvolvemento dos traballos.



