A investigación, dirixida por Sonia Eiras Penas en colaboración co CHUS, demostra que o fármaco modula as alteracións moleculares da adiposidade epicárdica no 65 % dos pacientes.

Unha investigación desenvolvida polo Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS) sobre a graxa epicárdica, a fibrilación auricular e o efecto da semaglutida vén de ser galardoada co premio á mellor comunicación oral no Congreso da Sociedade Española de Cardioloxía (SEC) 2026, celebrado en Sevilla do 28 ao 30 de outubro.
O traballo, liderado pola investigadora Sonia Eiras Penas, é o resultado dun labor multidisciplinar que integrou aos grupos de Cardioloxía e Cardioloxía Traslacional do IDIS, especialistas dos servizos de Cardioloxía e Cirurxía Cardíaca do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS) e a Plataforma Institucional de Proteómica do IDIS. Este deseño conxunto permitiu conectar a investigación preclínica e clínica coa análise molecular de vangarda.
A investigación céntrase no papel que xoga o tecido adiposo disfuncional que arrodea o corazón na orixe e avance da fibrilación auricular, a arritmia sostida máis común e cuxa prevalencia sitúase entre o 5 % e o 10 % nos maiores de 65 anos, con graves riscos asociados como o ictus ou a insuficiencia cardíaca.
Entre os achados máis salientables, o equipo identificou proteínas producidas por esta graxa epicárdica que interveñen na cronificación do problema de ritmo cardíaco. Así mesmo, constatouse que estas alteracións moleculares pódense modular mediante a administración de semaglutida en aproximadamente o 65 % dos casos tras un tratamento mínimo de seis meses, abrindo unha vía prometedora para o manexo metabólico desta afección.
Eiras Penas subliñou que a distinción supón un «impulso» para o traballo do centro e «pon de manifesto o valor da colaboración entre investigadores básicos, clínicos e profesionais sanitarios» para aplicar os avances á práctica médica diaria. Xunto á investigadora principal, integran o equipo Rumeysa Basdas, David Sánchez-López, José Ramón Nuñez Caamaño, José Manuel Martínez-Cereijo, Ángel L. Fernández, Moisés Rodríguez-Mañero, David García-Vega, Susana Belén Bravo, Pilar Mazón-Ramos e José R. González-Juanatey.
De forma complementaria ao galardón, a Sociedade Española de Cardioloxía outorgou durante a cita un proxecto específico ao grupo para que continúe a afondar nos mecanismos e dianas terapéuticas das patoloxías cardiovasculares.



