
A deputada do PSdeG-PSOE Patricia Iglesias denunciou nun comunicado a situación que atravesa a Real e Ilustre Confraría da Dorna de Ribeira despois de que Portos de Galicia lle reclamase inicialmente case 17.000 euros pola ocupación de espazos portuarios e, tras unha reclamación da entidade, recoñécese un erro administrativo que reduciu a cantidade a aproximadamente 2.000 euros.
“O que está a pasar coa Confraría da Dorna en Ribeira é absolutamente intolerábel”, dixo a deputada, engadindo que “Portos de Galicia reclamoulle case 17.000 euros e, despois de que a entidade presentase unha reclamación, recoñeceu que cometera un erro e que a cantidade real eran 2.000 euros. Estamos falando de case 15.000 euros de diferenza”.
A parlamentaria socialista cuestiona que se poida producir unha discrepancia económica destas dimensións sen que, segundo sinala, “se ofrezan explicacións sobre o sucedido”. E preguntouse: “Como se pode cometer un erro administrativo destas características e que ninguén dea explicacións?”.
Iglesias advirte, ademais, de “que esta situación se suma á incerteza que atravesa a Confraría da Dorna ante a ameaza de desaloxo das instalacións que ocupa, sen que se lle ofrecese unha alternativa adecuada para continuar desenvolvendo a súa actividade”.
A deputada lembrou que estamos ante “unha entidade que leva décadas traballando de maneira voluntaria para preservar unha das celebracións máis representativas da identidade cultural de Ribeira e de Galicia, a Festa da Dorna”.
“Estamos falando dunha entidade que leva décadas mantendo viva unha das festas máis emblemáticas de Galicia e que agora se atopa ameazada cun desaloxo, sen un local axeitado e sen a bonificación das taxas portuarias”, critica.
Ante esta situación, o PSdeG vén de rexistrar unha pregunta oral no Parlamento de Galicia para reclamar explicacións ao director de Portos de Galicia, esixir responsabilidades pola reclamación económica e demandar solucións inmediatas que garantan a continuidade da actividade da confraría.
A iniciativa parlamentaria súmase ás reivindicacións realizadas polo PSOE de Ribeira, que xa denunciou a situación da entidade e reclamou unha solución que permita preservar a súa actividade cultural e patrimonial.



