
O Concello de Lousame celebrará o décimo aniversario do Festimaxia Lousame coa maior oferta da súa historia: seis actuacións gratuítas de man de catro magos de prestixio como Joshua Kenneth, Víctor Cerro, Patri Zenner e o Mago Teto. Seis actuacións gratuítas que terán lugar durante as tres primeiras fins de semana de novembro na casa da cultura de Lousame.
O alcalde de Lousame, Esteban Ares, salientou na presentación (este 2 de novembro) que “para celebrar este décimo aniversario do Festimaxia, que se ten convertido en todo un referente cultural na comarca, quixemos dar un paso máis aló e ter a maior programación ata a fecha: seis actuacións en novembro con catro magos de recoñecido prestixio, incluso a nivel internacional”.
O rexedor puxo de manifesto “o esforzo que para un concello pequeno e rural como Lousame supón organizar un festival de este nivel”, sobre todo nesta edición na que non conta co apoio de ningunha outra administración.
Pola súa banda, a concelleira de Cultura, Silvia Agrafojo, agradeceu o traballo dos xestores culturais de Lousame, Eduardo Agraso e Teresa Baluja, e do Mago Teto, así como a achega económica do Concello de Lousame “para poder contar cunhas das actuacións máis agardadas sempre polos nenos e nenas de Lousame”.

A concelleira animou aos veciños e veciñas de Lousame a anotarse canto antes a través de www.bandoticket.com, xa “que en todas as actuacións o Concello abrirá primeiro un prazo de anotación para os menores empadroados en Lousame, que se abrirá ao resto da comarca no caso de que queden entradas libres”.
Programación
O X Festimaxia Lousame abrirase este domingo 8 de novembro, ás 19:00 horas, co espectáculo Degustación de imposibles, do ilusionista Joshua Kenneth. Un espectáculo dirixido a nenos e nenas maiores de 3 anos da man “dun dos magos con maior proxección de Galicia nestes momentos, que acaba de recibir un Mandrake d´Or, un dos premios máis prestixiosos do mundo da maxia”, salientou o Mago Teto. Será a primeira actuación deste novo mago coruñés no Festimaxia de Lousame.
O sábado 14 e o domingo 15 de novembro terán lugar catro actuacións de maxia. Ás 12:00 horas, a maga Patri Zenner presentará o seu espectáculo Encuentro con las Hadas, dirixido a un público de mais de 4 anos. “Nun mundo moi masculino, é importante tamén recoñecer a presenza de magas extraordinarias como Patri Zenner, quen xa estivo anteriormente en Lousame. Unha bruxa que sabe moito de natureza e que fará un número relacionado coas fadas e a natureza”, puntualizou o Mago Teto.
Estes mesmos dous días, 14 e 15 de novembro, pero ás 19:00 horas, o mago Víctor Cerro presentará Un espectáculo de magia, misterios y adrenalina, unha sesión dirixida a un público de maior idade, de máis de 13 anos, xa que “Víctor é un mago extraordinario que gusta de xogar de cousas como o espiritismo e que mantén a audiencia moi pendente cos seus números de escapismo”, sinalou o Mago Teto.
Finalmente, o propio Mago Teto pechará a décima edición do Festimaxia Lousame o sábado 21 de novembro, ás 19:00 horas, co seu espectáculo Pequenas grandes maxias, unha proposta “con xogos inéditos e que estou creando”, sinalou esta mañá en Lousame, destacando que “é unha forma de lembrar ao meu mestre Juan Tamariz, que hai dous meses desapareceu para aparecerse noutro lugar. Neste espectáculo, e por única vez, ofrecerei xogos e maxias que aprendín de Tamariz”.
As inscricións no X Festimaxia Lousame son todas gratuítas a través de www.bandoticket.com, se ben haberá un período primeiro de inscrición unicamente para persoas empadroadas en Lousame (dende o luns anterior ata a data do espectáculo) e outro prazo para persoas doutros municipios (os dous derradeiros días de cada sesión).



