O BNG propón destinar os novos 480.000 euros da Deputación a mellorar os servizos básicos das parroquias de Ribeira

30 Outubro 2026

O BNG de Ribeira vai defender unha proposta para que os 480.000 euros que o Concello recibirá da Deputación da Coruña se destinen a actuacións que melloren os servizos básicos e a calidade de vida da veciñanza das parroquias. A iniciativa pon o foco en necesidades concretas que os nacionalistas foron recollendo en encontros veciñais, como a ampliación das redes de saneamento e abastecemento de auga para consumo doméstico, a renovación de pavimentos e a mellora da accesibilidade e da seguridade viaria.

Esta é a segunda achega logo dunha primeira a comezos de ano que ascendía a 1,3 millóns de euros, por tanto Ribeira recibiu 1,7 millóns de euros directos da Deputación da Coruña neste ano 2026 para destinalos a necesidades do municipio.

“Temos que aproveitar cada euro que chega a Ribeira para mellorar a vida da xente. As parroquias teñen demandas moi concretas e non podemos deixar pasar oportunidades para avanzar no saneamento, na auga potábel, nas estradas e na accesibilidade. Son actuacións que poden parecer pequenas, pero que teñen unha repercusión enorme no día a día de moitas familias”, sinalou Pérez Barral.

O portavoz nacionalista criticou que “o PP de María Sampedro xa comezou a reducir a política de investimentos nas parroquias que estaba facendo o BNG”. A formación nacionalista dixo tamén que o PP “volverá ter a tentación de destinar estes cartos a gasto corrente como fixo en febreiro deste ano cando aprobou destinar 400.000 euros dos 1,3 millóns a gasto corrente, en lugar de dedicar esa contía a novas obras e melloras nas parroquias”.

“Están a mentirlle á veciñanza cando fan un encontro e lles din que non hai cartos. Hainos para o que o PP quere pero para as demandas da veciñanza nunca hai” recriminou, engadindo que “se o Goberno municipal volve destinar estes novos fondos a gasto corrente suporía deixar de facer investimentos importantes nas parroquias e a veciñanza do rural paga os mesmos impostos que a do centro urbano”.

Ademais, Luís Pérez Barral puxo en contexto estes investimentos sinalando que “o BNG foi quen de mobilizar 5,5 millóns de euros para ampliar servizos básicos e espazos públicos nas parroquias e deixando consignados outros 1,5 millóns para actuacións que se van desenvolver neste ano 2026″. E engadiu: “Consignamos nas parroquias cifras históricas chegando a un total de 7 millóns de euros, a pesar da complexa situación económica herdada do anterior goberno do Partido Popular cunha débeda de 13 millóns de euros”.

En Artes, o BNG propón a pavimentación e a construción de beiravías na estrada de Outeiro a Gude. En Corrubedo, a reforma da rúa número 6, mentres que en Castiñeiras reclama a pavimentación da estrada que comunica os lugares da Aldea e Poi.

En Oleiros, a formación nacionalista aposta polo arranxo do paseo do río Artes (Sanchanás) e por continuar coa extensión da rede de saneamento. Para Olveira, propón pavimentar a pista de Sirves e mellorar a accesibilidade mediante novas beirarrúas desde a igrexa ata a Casa da Cultura.

No caso de Carreira, as actuacións céntranse na renovación das beirarrúas do Vilar e na mellora dos servizos de saneamento e abastecemento, xunto coa pavimentación da zona da Parte ao Río. En Palmeira, o BNG propón acometer a segunda fase da renovación do saneamento, da auga para consumo e da pavimentación da rúa Agriña, así como iniciar a primeira fase da rede de saneamento en Cudieiros.

En Aguiño, a proposta contempla a segunda fase do abastecemento de auga potable na rúa da Cerca, acompañada da pavimentación desta vía. Finalmente, en Ribeira, o BNG inclúe a pavimentación da rúa Barreiro.

Pérez Barral destacou que “esta relación de actuacións responde a necesidades trasladadas pola propia veciñanza e ao traballo de seguimento que a formación nacionalista realiza nas distintas parroquias”. E apuntou: “Non estamos falando de grandes anuncios nin de proxectos afastados da realidade. Estamos falando de arranxar unha estrada, levar saneamento onde aínda non chega, mellorar o abastecemento ou facer unhas beirarrúas polas que a xente poida camiñar con seguridade”.

Outros artigos

O Concello de Muros renova a tubaxe de auga en Perousós (Louro)

A Concellería de Obras do Concello de Muros e a empresa concesionaria do servizo de auga están a traballar conxuntamente na substitución duns 50 metros de tubaxe en Perousós, na parroquia de Louro, debido ao seu mal estado e ás continuas perdas que se producían neste...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.