
O Concello de Ribeira continúa traballando en materia medioambiental coa mellora da separación e reciclaxe de residuos. Neste marco de traballo, a Administración local adquiriu un punto limpo móbil para a recollida de residuos domésticos dunha maneira máis próxima para a cidadanía por un importe de 14.520 euros, IVE incluído, ao abeiro dunha subvención da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático a través de Fondos FEDER.
Dende o Concello informouse que “se ben xa se conta con un itinerante polas parroquias, este segundo instalarase por períodos en contornas urbanas seleccionadas, constituíndo a praza de España o punto de partida”; lugar ata onde se desprazaron a alcaldesa de Ribeira, María Sampedro; o concelleiro de Medio Ambiente, Víctor Reiriz; e o edil de Limpeza Viaria, Emilio Pérez.
“O noso compromiso co coidado do medioambiental é férreo como xa se constata coas actuacións xa feitas, tanto en canto a infraestruturas que contemplan a mellora da eficiencia enerxética e sostibilidade como en accións desenvolvidas nas contornas naturais con limpeza de praias ou ríos. De feito, a quinta Bandeira Verde de Galicia xa ondea no paseo marítimo de Coroso”, explicou a rexedora.

Para Sampedro, este compromiso debe levar parello o incremento de servizos para avanzar na mellora da reciclaxe e separación en orixe: “Agora incorporamos un segundo punto limpo móbil que facilitará que os veciños e veciñas da cidade poidan desbotar de xeito adecuado aqueles pequenos aparellos que todos temos na casa e que non deben ir en ningún dos contedores que xa temos distribuídos pola vía pública. Este situarase en lugares accesibles do centro. Ademais, recentemente esgotamos unha nova campaña de compostaxe doméstica mediante o reparto de 110 unidades entre a cidadanía con horta e xa estamos traballando na adquisición dunha nova remesa; temos operativos talleres de reciclaxe téxtil; haberá outros obradoiros de reciclaxe no mes de decembro”.
Este novo servizo é un sistema modular dividido en oito fraccións que facilitará a reciclaxe por parte dos veciños e veciñas da cidade. Para iso, conta dos seguintes compartimentos: electrónica, pequenos electrodomésticos, teléfonos móbiles, aerosois, pilas e baterías, artigos de cociña, lámpadas de baixo consumo, e tinta e tóner. O punto limpo móbil é accesíbel e de aceiro inoxidable, cun deseño antivandálico e pintura antigrafitis.



