O teatro volve ao Coliseo Noela de Noia este sábado. A compañía Pipións Teatro vai representar O doente imaxinario… daquela maneira, unha proposta teatral para gozar do humor, da interpretación e dunha boa noite de entretemento. Será a partir das 20.30 horas, con entrada libre ata completar o aforo.
A peza cóntanos a historia de don Crisanto, un gandeiro adiñeirado e hipocondríaco, que quere casar á súa filla cun médico que o coide, e a oportunidade aparece con Florencio Carneiro, fillo doutro gandeiro e recentemente licenciado en medicina. Pero Anxélica está namorada dunha pescadora, Robustina, e a decidida criada Toniña fará que Don Crisanto abra os ollos ante quen se aproveitaba del.
Trátase dunha versión moi galega de O doente imaxinario a cargo do grupo de teatro da Asociación Terra de Outes (Pipións).




