O Concello de Muros impulsa unha campaña para atraer novos postos ao Mercado Municipal

27 Outubro 2026

O Concello de Muros iniciou unha campaña de sensibilización para contactar con persoas emprendedoras e empresas interesadas en instalarse no Mercado Municipal, coñecer os seus proxectos e preparar as futuras licitacións dos postos baleiros, tendo en conta as oportunidades de negocio que poidan xurdir.

Esta iniciativa forma parte da folla de ruta deseñada pola Concellería de Promoción Económica de Muros para “dinamizar e revitalizar a praza de abastos, avanzar na mellora das instalacións e traballar para que o mercado poida incorporarse á Rede de Mercados Excelentes de Galicia”.

A alcaldesa de Muros, María Lago, destaca que “a dinamización do mercado é unha prioridade para o Goberno local. Queremos dar un novo impulso a este espazo e traballar para que volva ser un lugar de referencia para a actividade económica do municipio”.

Pola súa banda, a concelleira de Promoción Económica, Laura Rivadeneira, explica que “antes de definir as condicións para ocupar os postos, queremos coñecer que iniciativas empresariais poden estar interesadas en instalarse no mercado. Escoitar esas propostas vainos permitir preparar uns pregos de licitación que teñan en conta as oportunidades que existen e non deixen fóra proxectos interesantes e prometedores”.

As persoas interesadas poden solicitar unha reunión coa Concellería de Promoción Económica no Concello de Muros para presentar a súa idea de negocio e explicar a actividade que lles gustaría desenvolver. O obxectivo é “coñecer as propostas, explorar as posibilidades que ofrece o mercado e orientar as persoas promotoras nos pasos necesarios para poñer en marcha os seus proxectos”, explicaron Lago e Rivadeneira, engadindo que a campaña está aberta a diferentes tipos de iniciativas compatíbeis co espazo e coa actividade do mercado, desde negocios de alimentación ata propostas vinculadas coa hostalaría ou cos oficios tradicionais.

“A intención é coñecer as posibilidades existentes antes de actualizar os pregos, para que as futuras licitacións poidan responder mellor ás iniciativas que se presenten”, apuntan.

Esta iniciativa forma parte dun estudo encargado polo Concello para analizar a situación do Mercado Municipal e identificar os pasos necesarios para avanzar cara á súa excelencia. “A folla de ruta inclúe tanto a dinamización comercial como a mellora progresiva das instalacións, co obxectivo de crear un espazo máis atractivo e funcional para os negocios e para a cidadanía”, sinalan.

Con esta primeira campaña, o Concello busca abrir unha vía de diálogo coas persoas emprendedoras e dar os primeiros pasos para que o Mercado Municipal recupere actividade, incorpore novas propostas comerciais e teña un futuro con máis oportunidades.

Outros artigos

Boiro celebra o Samaín cunha nova edición do Túnel do Terror

Este sábado 31 de outubro imos ter en Boiro unha das principais actividades do programa de Samaín no Barbanza: o Túnel do Terror que organiza cada ano o colectivo xuvenil Turbina co apoio do Concello de Boiro. Dará comezo ás 18.30 horas no local Leñaverde (Centro...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.