
O Concello de Ribeira habilitou un aparcamento disuasorio na contorna do Cemiterio Municipal de Palmeira mediante o alugueiro e acondicionamento de tres leiras que se traducen en 1.800 metros cadrados para os vehículos coa finalidade de solucionar a supresión dos estacionamentos que ocupaban a beiravía como consecuencia do proxecto da construción do carril bici; unha medida que chega xa para dar resposta cara o Día de Tódolos Santos, se ben se manterá máis alá desta época.
Con motivo destas datas tamén se dispón dun horario extraordinario para os dous camposantos de titularidade municipal: o de Ribeira e o de Palmeira. Deste xeito, ambos cemiterios estarán abertos ata o xoves, 29 de outubro, de 09.00 a 21.00 horas; mentres que os días 30 e 31 de outubro, así como 1 e 2 de novembro, poderán visitarse as 24 horas, sen pechar ningunha xornada. A partir do 3 de novembro instaurarase o horario de inverno.
Segundo explican dende o Concello, “trátase dunha medida que busca facilitar o acceso dos veciños e veciñas para adecuar os nichos e sepulturas e poder velar aos seus seres queridos nestas datas”. A maiores, os traballadores municipais intensificaron nestes días as tarefas de limpeza e mantemento.



