
Vai anos falábase de construír futuro no sector pesqueiro, partindo da base de eliminar a desconfianza mutua a prol dun beneficio mutuo porque “arrastramos condutas nas que a ausencia e a fenda é tan grande que nos daremos conta tarde do que nos estamos a perder. Falo de construír futuro: maritorio (territorio)”.
Dicíao o antropólogo galego Antonio García Allut, profesor da Universidade da Coruña e un dos máis decididos defensores da coñecida da absurdamente discutida reserva mariña de interese pesqueiro dos Miñarzos, exemplo que puido ser e non foi de cara á sostibilidade pesqueira, situada en Lira, a medio camiño entre as rías de Muros e o faro de Fisterra.
Como ben se lembrará, esta reserva mariña de interese pesqueiro, creada en 2007 pola confraría de pescadores de Lira, tiña coma obxectivo primordial regular as actividades pesqueiras, coa finalidade de conservar as especies explotadas, así como garantir a sostibilidade do ecosistema mariño, como defendía o daquela secretario do pósito Milucho Louro. Para o facer posible, propúñase limitar o acceso á actividade pesqueira e un control axeitado das capturas realizadas pola frota autorizada a faenar na devandita reserva.
A extensión da reserva era de 2.074 hectáreas, espazo que contemplaba a creación de dúas reservas integradas, onde as normas pesqueiras serían máis restritivas: limitábanse os períodos de actividade, as tallas mínimas, así como as cotas por embarcación. Prohibíase asimesmo a pesca submarina en toda a reserva.En 2009 os pescadores formularon a necesidade de crear outra nova reserva mariña: Os Miñarzos-Fisterra (Fin da Terra) que incluíra a reserva de Lira, de xeito que se incorporasen pescadores doutras confrarías.
No fondo de toda esta proposta estaba o desexo dun maior control sobre a pesca ilegal e o furtivismo, así como o descenso paulatino que se viña observando nas distintas pesqueiras, por mor da sobrepesca.
A Xunta non prestou o apoio necesario. E o propio sector non aceptou de pleno a proposta. Enténdese o de “beneficio mutuo contra desconfianza mutua”?.
Pois aí está a realidade: Galicia non é, xa, a primeira produtora europea de polbo. Que pregunten como lle vai á frota polbeira inglesa. E á galega.



