O pavillón da Fieiteira reúne a máis de 600 deportistas no XXV Open Cidade de Ribeira, nunha edición marcada pola celebración do 30 aniversario do club anfitrión e a entrega de distincións institucionais

O pavillón municipal da Fieiteira converteuse esta fin de semana no epicentro das artes marciais coa disputa da vixésimo quinta edición do Open Cidade de Ribeira de Taekwondo. O torneo, plenamente consolidado no calendario autonómico, estatal e internacional, reúne sobre os tapices ribeirenses a máis de 600 competidores.
A alcaldesa de Ribeira, María Sampedro, acompañada por outros membros da Corporación municipal, participou na cerimonia oficial de entrega de premios. Durante o acto, a rexedora subliñou o orgullo que supón para o municipio albergar unha proba destas dimensións e louvou a pegada social e deportiva da entidade organizadora: «É un orgullo que Ribeira sexa nestes días epicentro do taekwondo co nivel que aquí vemos e da man dun club que é todo un referente como é o Natural Sport que, neste ano, celebra o seu 30 aniversario».

Homenaxes á excelencia local e deportiva
A presente edición do open serviu tamén como escenario para render tributo a persoeiros destacados en diversos eidos profesionais e deportivos. No ámbito local, o Concello e a organización outorgaron un recoñecemento especial a tres mulleres ribeirenses que proxectan o nome da localidade no exterior: a deseñadora María Alborés, a fotógrafa Flora Iglesias e a reitora da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Rosa Crujeiras. Así mesmo, premiouse a traxectoria profesional e cultural de Chiqui Durán, figura sobranceira na vila como fundador do Grupo Municipal de Teatro de Ribeira.
No apartado estritamente deportivo recoñeceuse o traballo do Club Finestrat de Alacant, galardoando aos campións europeos Jairo Agenjo e Violeta Díaz canda o seu preparador, Juan José González. A nómina de homenaxes pechouse coa categoría de lendas do taekwondo, onde se enxalzaron as figuras de Andrea Rica —pioneira do equipo nacional feminino e integrante do CAR de Sant Cugat— e de Miguel Dopazo, en loanza a un historial de combates e éxitos amplamente aplaudido pola afección congregada na Fieiteira.




