A praza de España acolleu a tradicional ofrenda floral e o minuto de silencio promovidos pola Asociación Amas de Casa

A praza de España de Ribeira volveu converterse este sábado no punto de encontro para lembrar ás persoas falecidas durante a pandemia da covid-19. A homenaxe, organizada cada ano pola Asociación Amas de Casa como mostra de afecto e respecto cara ás familias afectadas, contou coa presenza da alcaldesa do municipio, María Sampedro.
O acto desenvolveuse diante do monumento erixido na memoria das vítimas na céntrica praza ribeirense. Alí, os asistentes gardaron un minuto de silencio en sinal de respecto e levaron a cabo a tradicional ofrenda floral.
Durante a súa intervención, a rexedora puxo en valor a relevancia de manter vivo o recordo comunitario fronte ao esquecemento: «Non esquecemos a quen se foi a causa da pandemia. Vivimos momentos moi duros vendo como aumentaban os contaxios e os falecidos. Pero non eran cifras. Eran persoas, con nome, apelidos, unha vida que se truncaba de maneira inesperada e familias e amizades que quedaban rotas. Moitas veces, sen posibilidade de despedirse e en soidade».
Sampedro rematou agradecendo o labor e o compromiso da entidade promotora por manter este espazo de afecto colectivo: «Por iso é de salientar este acto que, ano tras ano, impulsa esta entidade para lembrar a quen, por desgraza, xa non está con nós».




