A exposición, aberta ata o 23 de decembro, amosa a doazón realizada pola filla do artista e coincide cos actos do 25 aniversario da institución ribeirense

O Museo do Gravado de Artes (Mugart) inaugurou a exposición A pegada de Lluís Pessa, unha escolma composta por 30 obras do artista catalán que abranguen a súa produción entre 1958 e 2001. A mostra, que se enmarca dentro da conmemoración do 25 aniversario da entidade cultural, pon a disposición do público os fondos doados recentemente pola filla do autor, Lydia Pesarrodona.
O acto inaugural contou coa presenza do primeiro tenente de alcalde de Ribeira, Vicente Mariño, quen salientou a traxectoria do Mugart «como faro vivo para a custodia, o estudo e a proxección internacional do patrimonio gráfico contemporáneo». O concelleiro subliñou tamén a relevancia do legado recibido: «Se este Museo xa conta cuns fondos incomparables, agora enriquécese notablemente con este tesouro gráfico para que a pegada de Pessa permaneza viva e inspire novas investigacións». Pola súa banda, o director da institución, Xoán Pastor Rodríguez, deu voz á filla do creador mediante a lectura dunha carta de agradecemento.
A colección exhibida reflicte o diálogo constante entre o gravado e a pintura que caracterizou a traxectoria de Pessa. O conxunto estrutúrase en tres eixes principais: o retrato; as paisaxes e as formas; e un espazo de experimentación arredor da cor e do conceptual. Entre as creacións expostas destaca a estampa Ovella Dolly, primeira clonación, unha mostra do interese do artista por integrar na súa linguaxe visual as inquietudes históricas, literarias e científicas da súa época.
Novas iniciativas en novembro
A exposición poderá visitarse na Sala 2 do espazo museístico ribeirense ata o vindeiro 23 de decembro. Así mesmo, Mariño adiantou a programación para o mes de novembro, que incluirá unha mostra de litogravado froito de tres obradoiros formativos e a estrea da ampliación dos talleres do museo. Esta reforma dotará as instalacións dun tórculo de grandes dimensións, o que situará ao Mugart como o primeiro centro museístico de España capacitado para impartir formación especializada en gravado mural.



