
O proxecto Pola Costa #OTeuXacobeo celebrou onte, 22 de outubro, unha xornada de convivencia, natureza e compromiso ambiental cunha actividade de plogging (exercicio físico máis coidado do medio natural) na contorna do Camiño de Santiago A Orixe. A iniciativa reuniu os nenos e nenas do CEEPR Amicos e do Colexio Bayón, xunto cos activistas ambientais de Amicos, para compartir unha experiencia de inclusión e coidado da contorna.
A actividade comezou no porto de Aguiño, desde onde o grupo iniciou un percorrido por un treito do Camiño de Santiago A Orixe, combinando o paseo coa recollida de residuos. A xornada permitiu gozar da contorna natural, fomentar hábitos responsábeis e compartir experiencias entre nenos e nenas con e sen discapacidade intelectual.

A cultura e as tradicións galegas tamén tiveron o seu espazo. Os nenos e nenas do CEEPR Amicos representaron unha pequena obra de teatro inspirada na lenda da Santa de Moldes, achegando o grupo a unha historia vinculada ao patrimonio cultural de Galicia.

O concelleiro de Deportes de Ribeira, Alex Vidal, sumouse á camiñada e acompañou o grupo nesta xornada de peche do proxecto.
Unha iniciativa que conecta cultura, natureza e inclusión

Pola Costa #OTeuXacobeo é unha iniciativa posta en marcha por Amicos co apoio da Xunta de Galicia, no marco do programa #OTeuXacobeo e con motivo do #Xacobeo2027. O seu obxectivo é dar visibilidade ao Camiño de Santiago A Orixe a través de propostas que conectan o patrimonio natural e cultural coa inclusión social e o respecto polo medio ambiente.
Ao longo do seu percorrido, o proxecto desenvolveu diferentes propostas, entre elas obradoiros de fotografía e teatro, saídas e actividades prácticas.

A través destas experiencias, promoveuse o coñecemento da contorna, a expresión creativa, a participación e o encontro entre persoas de diferentes realidades, utilizando o patrimonio natural e cultural como espazo compartido de aprendizaxe.
Con esta última xornada, Amicos puxo o ramo a unha iniciativa que conectou o patrimonio natural e cultural de Galicia coa convivencia e a inclusión social. Unha experiencia compartida que lembra a importancia de implicarse no coidado da contorna e de construír espazos nos que todas as persoas poidan participar.




