A Deputación e o Concello de Boiro invisten máis de 252.000 euros en recuperar o lagar, a vivenda e as cabalarías do Pazo de Goiáns

22 Outubro 2026

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, visitou hoxe Boiro, onde asinou co alcalde, José Ramón Romero, un convenio para financiar a conservación do lagar de sidra, a vivenda e as cabalarías situadas no conxunto patrimonial do Pazo de Goiáns. O acordo, formalizado no propio pazo, permitirá “actuar sobre unhas edificacións que presentan un importante deterioro e precisan obras de consolidación para garantir a súa preservación”, informaron.

A actuación conta cun investimento de 252.332,38 euros, dos que a Deputación achegará 201.865,90 euros, o 80 %, e o Concello de Boiro os 50.466,48 euros restantes. As obras darán continuidade ao proceso de recuperación deste conxunto histórico, tras as intervencións realizadas no edificio principal e na capela.

Formoso destacou “a importancia de colaborar co Concello” para seguir recuperando un espazo estreitamente vinculado á historia de Boiro. E engadiu: “O Pazo de Goiáns forma parte da historia e da identidade de Boiro. Con este convenio axudamos a conservar unhas construcións que corrían o risco de seguir deteriorándose e damos un novo paso na recuperación do conxunto para a veciñanza”. O presidente remarcou que “falamos de historia, falamos de patrimonio, falamos de edificios que a xente quere ver rehabilitados, sobre todo cando é para o goce público”, e valorou que se trata de “252.000 euros moi ben investidos” que lle darán “unha face moi distinta ao pazo”.

Pola súa banda, o alcalde, José Ramón Romero, lembrou que “xa o ano pasado, coa axuda da Deputación, tamén rehabilitamos a capela deste pazo” e sinalou que se trata dunha obra “necesaria” para “conservar estes inmobles que están moi degradados, que non teñen teitume”. As obras, dixo, “permitirán reconstruír as cubertas derrubadas, respectando a súa configuración e os materiais tradicionais, sanear e consolidar os muros de pedra, acondicionar os solos e recuperar ou instalar portas e ventás para protexer os interiores”.

Tamén se executará un sistema de recollida de augas pluviais, engadiu, apuntando que o proxecto busca “frear o deterioro dos inmóbeis e deixalos protexidos para a súa futura recuperación funcional”. Os usos definitivos concretaranse en proxectos posteriores, mantendo a coherencia coas actuacións xa realizadas no pazo e na capela.

Última fase de mellora da estrada entre Noia e Boiro

Durante a visita, o presidente da Deputación e o alcalde de Boiro supervisaron tamén as obras da DP-1105, que se atopan xa moi avanzadas. Esta última fase, cun investimento de 262.000 euros, permitirá completar a mellora dos 15,6 quilómetros da estrada que conecta Noia, Lousame e Boiro, tras as dúas fases anteriores, nas que a Deputación investiu 1,5 millóns de euros.

Os traballos céntranse no tramo comprendido entre os puntos quilométricos 14+031 e 15+603, no municipio.

Inclúen a renovación do firme cunha capa de mestura bituminosa en quente de cinco centímetros de espesor, así como melloras na drenaxe, limpeza de marxes e cunetas e renovación da sinalización.

O proxecto contempla ademais a recolocación dun paso de peóns á altura do punto quilométrico 15+107, coa execución de dous tramos de beirarrúa e dun pequeno muro de contención para mellorar as condicións de seguridade.

“As actuacións permitirán culminar a renovación dunha estrada importante para os desprazamentos diarios da veciñanza e para as comunicacións entre os tres municipios”, informaron.

Outros artigos

Rematan as obras da Escola de Deportes Náuticos de Aguiño

A alcaldesa de Ribeira, María Sampedro, e a concelleira de Obras, Herminia Pouso, visitaron hoxe a Escola de Deportes Náuticos de Aguiño para comprobar o resultado dunha actuación que supuxo un investimento de 1.179.750 euros, IVE incluído, para fornecer ao municipio...

+

O filme Salvaxe, Salvaxe proxéctase este venres en Noia

Este venres, o lobo ibérico chega á Casa da Cultura de Noia. O 23 de outubro, ás 20:00 h, a Casa da Cultura Antón Avilés de Taramancos acolle a proxección de Salvaxe, salvaxe, de Emilio Fonseca. Trátase dunha película incluída na programación contratada pola...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Compartir el éxito de la empresa”. José Castro López

“Compartir el éxito de la empresa”. José Castro López

Conté en comentarios anteriores la historia del italiano, Enzo Rossi, director de unafábrica de pasta, que en el año 2007 se asignó un sueldo de 1.000 euros al mes paraexperimentar en carne propia si era posible vivir con esa cantidad y comprobar así lascondiciones...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.