A Deputación da Coruña presenta as II Xornadas das Bibliotecas Municipais da provincia, centradas na IA

22 Outubro 2026

A Deputación da Coruña presentou onte na Biblioteca Provincial a segunda edición das Xornadas das Bibliotecas Municipais da Provincia da Coruña, unha iniciativa que busca reforzar a formación das e dos profesionais do sector, fomentar o intercambio de experiencias e promover a colaboración entre as bibliotecas municipais. Na presentación participaron a deputada de Cultura, Natividade González, e a directora da Biblioteca Provincial, Carmen Ferreiro.

As xornadas realizaranse o vindeiro 13 de novembro no Pazo de Mariñán cun programa que porá o foco nos retos, riscos e oportunidades que ofrecen as novas tecnoloxías para as bibliotecas públicas, poñendo o foco, tamén, “na súa función esencial como espazos de acceso á cultura, á información e á lectura”.

A axenda combinará relatorios especializados, propostas prácticas e experiencias profesionais orientadas a ofrecer ferramentas útiles para o traballo diario nas bibliotecas. Ademais da formación, a iniciativa nace “coa vontade de consolidarse como un espazo de encontro para o persoal bibliotecario da provincia, favorecendo a convivencia, a colaboración e o intercambio de boas prácticas”, informaron González e Ferreiro na presentación.

A participación estará aberta a todas as persoas que traballen nas bibliotecas.

A deputada sinalou que “as bibliotecas son servizos públicos esenciais para garantir o acceso á cultura, á información e á lectura, pero tamén son espazos vivos de encontro, aprendizaxe e participación cidadá. Por iso, desde a Deputación queremos acompañar as e os profesionais que están á fronte destes servizos, ofrecéndolles oportunidades de formación e espazos nos que compartir experiencias, coñecementos e boas prácticas”.

Natividade González destacou tamén que “a intelixencia artificial e as novas tecnoloxías están a transformar a maneira en que accedemos á información e nos relacionamos coa cultura, e as bibliotecas non poden quedar á marxe destes cambios. O reto é coñecer as posibilidades que ofrecen, aproveitar as súas vantaxes e abordar os seus riscos desde unha perspectiva crítica e responsábel, sen perder nunca de vista as persoas e a función social das bibliotecas públicas”.

Como dixemos, un dos eixos centrais desta segunda edición será o impacto da intelixencia artificial no presente e no futuro das bibliotecas públicas. A xornada reunirá representantes da Axencia Española de Supervisión da Intelixencia Artificial (AESIA), do Grupo de Tecnoloxías da Información (Grupo Nós) e do Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) da Universidade da Coruña, que achegarán perspectivas complementarias sobre esta transformación tecnolóxica.

A dimensión práctica terá un espazo destacado cunha intervención de Manuel Gago, xornalista, divulgador e profesor da Universidade de Santiago de Compostela, que explorará as aplicacións concretas da intelixencia artificial no traballo bibliotecario. O obxectivo é achegar estas tecnoloxías á realidade diaria das e dos profesionais, identificando oportunidades de aplicación e promovendo un uso crítico, responsábel e eficaz.

Os clubs de lectura e a dinamización cultural

A promoción da lectura e a capacidade das bibliotecas para crear comunidade constituirán outro dos grandes bloques da programación. As escritoras Antía Yáñez e Marta Villar compartirán a súa experiencia na coordinación de clubs de lectura e achegarán metodoloxías e recursos para fomentar a participación das persoas lectoras.

A lectura dixital e a accesibilidade

O programa incluirá tamén unha sesión dedicada a eBiblio, o servizo público de préstamo de libros electrónicos, audiolibros e outros contidos dixitais. O relatorio afondará nas posibilidades desta plataforma para ampliar o acceso á lectura máis alá dos espazos físicos das bibliotecas e facilitar o uso dos recursos bibliográficos desde distintos dispositivos e localizacións. Segundo informaron na presentación, “a sesión prestará especial atención ás oportunidades que ofrece a lectura dixital para as persoas con dificultades de acceso aos servizos presenciais e ás funcionalidades que permiten adaptar a experiencia lectora ás necesidades de diferentes usuarios e usuarias”.

O programa completarase con outras intervencións centradas na transformación dos servizos bibliotecarios e nos desafíos derivados da incorporación das novas tecnoloxías ao seu funcionamento.

A continuidade dunha iniciativa consolidada en 2025

A segunda edición dá continuidade ás primeiras Xornadas das Bibliotecas Municipais da Provincia da Coruña, desenvolvidas en 2025 no Pazo de Mariñán, que reuniron preto dun centenar de profesionais do sector bibliotecario.

“O primeiro encontro combinou relatorios sobre a realidade das bibliotecas municipais, a creación literaria e a formación das e dos profesionais da documentación cunha mesa redonda na que participaron representantes de bibliotecas de distintos concellos da provincia”, informaron González e Ferreiro, engadindo que “a elevada participación e a implicación das persoas asistentes puxeron de manifesto a importancia de dispoñer de espazos compartidos de formación, reflexión e colaboración”. Sobre esa base, “a edición de 2026 presenta un programa renovado, adaptado aos novos desafíos do sector e orientado a reforzar as competencias das e dos profesionais”, apuntaron.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.