
A sede da Deputación da Coruña acolleu hoxe a presentación de Cantiga de Amiga, un proxecto da área de igualdade da Deputación, realizado por Nós TV e con idea orixinal, guión e documentación do escritor, profesor e activista Carlos Callón (Castiñeiras, Ribeira, 1978). Este documental estrearase o 24 de outubro ás 12h, no YouTube da Deputación da Coruña e de Nós Televisión. Tamén estará dispoñíbel na canle 9 de Nós TV e en Movisar+.
A deputada de Igualdade destacou a importancia de recuperar e dar a coñecer historias que quedaron fóra do relato histórico: “Queremos saber que foi desas historias de mulleres lesbianas na Idade Media a través das cantigas de amiga nas que se falaba de amor entre dúas mulleres”, dixo, ao tempo que salientou que o documental contribúe a sacar á luz realidades historicamente invisibilizadas: “Estas historias quedaron silenciadas, pero estas realidades existiron sempre”, afirmou. Neste sentido, vinculou a recuperación da memoria histórica coa defensa dos dereitos do colectivo LGTBI+: “Neste momento no que se cuestionan os dereitos do colectivo LGTBI+, queremos lembrar que non pode dar un paso atrás na súa conquista”.
A deputada salientou tamén o valor da investigación que sustenta a peza, que permitirá achegar ao público unha importante descuberta histórica e afondar no coñecemento das experiencias e relacións afectivas entre mulleres na Galicia medieval.

Carlos Callón agradeceu á Deputación o seu compromiso coa recuperación e divulgación da memoria histórica e da diversidade sexual e puxo o foco na necesidade de “combater o silenciamento destas historias e de recuperar os nomes e as pegadas das mulleres que formaron parte da historia galega”. O documental, engadiu, “nace precisamente da vontade de rescatar esas voces do esquecemento e de contribuír a unha visión máis completa da sociedade medieval, incorporando realidades que durante séculos permaneceron á marxe dos relatos dominantes”.
Sinopse
Cantiga de amiga é un documental para paliar a falta de coñecemento que hai sobre a homosexualidade feminina en Galiza na Idade Media. Pon luz sobre a historia de Sancha Pérez e María Leve, que viviron en Compostela no século XIII, e que constitúen o único caso en toda a Europa en que se nos legou o nome dun casal lésbico, e mesmo a rúa en que moraron. Tamén conserva unha cantiga “de amigo” en que unha muller fala do despeito por outra muller, polo que o máis correcto sería chamala “cantiga de amiga” (e de aí a orixe do título deste documental). E de sinalar son tamén varios cantares en que se fai referencia a relacións entre soldadeiras, e entre eses versos chaman a atención aqueles que están protagonizados dun xeito moi explícito por outra muller lésbica galega, que tamén coñecemos polo seu nome: María Mateu. Perdemos os seus rostros e moita da información das súas vidas, mais cos datos que temos podemos evocar as voces destas mulleres.
Ficha técnica
Este filme documental foi elaborado por Nós Televisión e producido pola área de Igualdade da Deputación da Coruña, con idea orixinal de Carlos Callón, baseado no libro Vidas e historias LGBT da Idade Media (Edicións Xerais).
· Produción executiva – Rosabel Candal e Diego Frey
· Guión – Carlos Callón e Diego Frey
· Produción – Rosabel Candal
· Dirección – Martín Rodríguez
· Realización e montaxe – Martín Rodríguez
· Fotografía – Pio Cribeiro e Roi Barros
· Son e dron – Pio Cribeiro
· Música orixinal – Moeda Vella, de Luís Álvarez, con voz de Natalia Otero.
· Creatividades – Roi Barros
· Entrevistadas – Carme Adán, Daniela Ferrández, Uxía Gestoso, Teresa Moure, Isabel Morán



