
O Centro Social de Boiro vai acoller este xoves 22 de outubro, ás 20.30 horas, a presentación número 95 da Revista Galega de Educación, unha entrega editorial que pon o foco na necesidade de fomentar saudábeis e seguros das novas ferramentas e que se distribúe baixo o epígrafe A educación no universo das multipantallas.
Contarase coa presenza de Ana Moreiras (profesora, experta en cinema e educación), David Pérez Iglesias (coordinador da experiencia Soncine do IES do Porto do Son) e José Ramón Romero, alcalde de Boiro. A charla estará moderada por Pilar Sampedro, do consello de redacción da revista.
Organizan a Asociación Cultural Barbantia, o Concello de Boiro e Nova Escola Galega.
A Revista Galega de Educación (RGE) é unha publicación de referencia no ámbito pedagóxico en Galicia, editada pola asociación de renovación pedagóxica Nova Escola Galega (NEG).
Fundada en 1986, é unha publicación cuadrimestral escrita integramente en lingua galega que defende un modelo de escola pública, inclusiva, laica, democrática e comprometida coa galeguización do ensino.



