
O Goberno municipal de Ribeira informou da adxudicación do saneamento de Cristal e as pavimentacións no acceso ao
aparcamento das Dunas e na rúa Mariño de Rivera. Trátase dunha serie de actuacións que supoñen un importe total de 114.445,80 euros, dentro do POS+2025 da Deputación da Coruña.
A actuación que supón un maior investimento é a substitución do asfalto do camiño de acceso á zona de aparcamento da praia das Dunas, adxudicada á empresa Movimientos de Áridos y Construcciones de Arosa, S.L. (Marconsa) por unha contía de 43.370,47 euros, impostos incluídos, ao ser a mellor proposta das dúas que optaron ao proceso de licitación. En consecuencia, mellorarase a seguridade viaria da zona coa extensión dunha nova capa de aglomerado asfáltico e pintado de sinalización horizontal na vía cun prazo de execución de dous meses.
Tamén se adxudicou o saneamento no lugar de Cristal, na parroquia de Olveira, por 38.445,33 euros, IVE incluído, a Lisardo
Excavaciones, S.L. por contar coa mellor oferta das dúas empresas que concorreron ao proceso. A dita intervención traducirase na ampliación da rede existente para dar servizo á veciñanza da zona. Para tal fin, instalarase a canalización das augas e implantarase un bombeo para o seu impulso á rede xeral. Posteriormente, reporase todo o firme en formigón. O prazo de execución para a totalidade é de tres meses.
Así mesmo, adxudicouse a renovación do firme na rúa Mariño de Rivera, en pleno centro urbano, cunha capa de formigón en cor para facilitar a comunicación peonil entre a rúa Mendiño e a praza Uxío Novoneyra. O resto da referida vía irá cunha nova capa de aglomerado asfáltico en quente. Canarga, S.L. realizará esta actuación por 32.630 euros, IVE incluído, nun prazo dun mes.




