
Acababa de chover e Javi empuxoume con firmesa coas dúas mans para poñerme debaixo dunha pingueira. Unha pinga conxelada caeu serteira no meu lombo pasando áxil a rentes da caluga e da camiseta, sen tocalas. “Agora xa sabes o que se sente”, díxome, sinalando as súas propias costas humidecidas e remedando un calafrío co seu corpo todo. “O que non acaba contigho faiche máis forte”, riu dende a cabesa aos pés, cos seus bonitos ollos mariños cheos de soños adolessentes que logo todos veríamos (des)faserse dis-tintos, a forza de matisarse na intemperie das terrasas dos bares, igual que as cores das pinturas clásicas perden tonalidade pero gañan en fondura.
Levar nas veas o espírito do rock ten estas cousas. Esa tristura sen límite.
Con Javi roubei os meus primeiros discos e saímos da mini-discoteca do Mercantil cos vinilos apertados no ventre, debaixo da chaqueta, falando coma se nada para que ninguén nos lese o furto na cara. A el notábaselle o medo moito menos cá min, era máis experto e era algo maior. Os meus trece anos contra os seus quince-dezaseis. Nas escaleiras do edificio da Biblioteca sacamos o produto do roubo: dúas carátulas de Led Zeppelin con cadanseu vinilo negro dentro, maxia pura. Tocou co dedo a portada do Lez Zeppelin IV e reclamou a miña atención. Díxome na orella: “Se te gusta agora Stairway to Heaven, vaiche gustar sempre, ata o final dos teus días”. Non será para tanto, dixen. E el retrucou: “Recorda o que che digo. Fartaraste de escoitala, si, pensarás que xa es maior e que xa maduraches e que Led Zeppelin quedou atrás, pero un día estarás nun bar esperando por alguén ti só e ese alguén non virá ou estarás perdido nunhas escaleiras mecánicas subindo e baixando nuns grandes almacéns de Manchester e sairá polos altofalantes a canción, e lembraraste disto que che digo”.
Hoxe o rock está de loito. O rock tamén chora polas estrelas que non chegaron a brillar, esas que só podes ver cando non as miras de fronte.
Javi brillaba á súa maneira esquiva cando collía o micrófono. Sansanicaba o mundo e a xente doente de Parkinson quedaba quieta e os cans da chuvia atopaban finalmente o camiño a casa. Os quintos de cervesa lansados ao aire caían na túa man aínda cheos.
O punk era un billete de ida. Querías bailar coma Javi cun micrófono na man.
Esas escaleiras ata o ceo tocoulle subilas a el, finalmente.
PS: Javier Bermúdez Vázquez faleceu este sábado 17 de outubro de 2026 no seu domicilio de Ribeira. Foi o solista da mítica banda Ovos Chocos. Descansa en pas compañeiro. E toca unha última cansión alá enriba, por todos nós.



