A empresa local Tante Construcións renovará o pavimento e os espazos peonís nun prazo de tres meses, antes de estender a mellora a Irmáns Labarta a través do POS

O Concello de Noia vén de adxudicar as obras da primeira fase para a renovación e mellora da rúa Pintor Francisco Creo á firma local Tante Construcións, cun orzamento de 30.109,29 euros (IVE incluído). O proxecto dispón dun prazo de execución estimado de tres meses.
A actuación ten como obxectivo solucionar o deterioro da vía mediante a substitución do firme actual, a incorporación de pavimento de granito, a mellora dos accesos aos garaxes e a renovación integral da sinalización viaria. O conxunto dos traballos permitirá reorganizar a circulación rodada e gañar seguridade e confort nas zonas destinadas aos peóns.
A intervención terá continuidade cunha segunda fase que o Goberno local prevé financiar a través do vindeiro Plan de Obras e Servizos (POS) da Deputación da Coruña. Esta nova etapa prolongará as tarefas de adecuación de firmes e beirarrúas ata a rúa Irmáns Labarta para completar a transformación da contorna.
O alcalde de Noia, Francisco Pérez, subliñou que con estes traballos o goberno municipal dá «o primeiro paso para renovar unha zona céntrica da vila que precisa melloras», engadindo a intención de «recuperar progresivamente os espazos públicos, mellorando a accesibilidade e a seguridade da veciñanza».
Pola súa banda, o tenente de alcalde e concelleiro de Obras, Manolo Seijas, sinalou que o plan responde á necesidade de «recuperar rúas que levan anos precisando investimentos, con actuacións planificadas e con continuidade», avanzando que a conexión coa rúa Irmáns Labarta ofrecerá unha solución integral a todo o ámbito residencial.



