
O Concello do Porto do Son, a través do seu alcalde, Luis Oujo, formalizará a vindeira semana o acordo mediante o cal a Administración local adquirirá o edificio a medio rematar do lugar de Outeiro, con vistas a crear trinta vivendas sociais a disposición da veciñanza no céntrico soar que ocupa este vestixio da burbulla inmobiliaria. O inmóbel, que ten cinco andares, será adquirido á empresa propietaria por valor de 300.000 euros. Para levar a po porto o proxecto en materia de financiamento, o Concello acollerase á nova liña de axudas da Xunta ás administracións locais para a construción de vivenda pública. O alcalde adiantou que “a achega da Xunta é de 80.000 euros por vivenda e cobre o 70% do investimento necesario; o 30% restante corresponde ao Concello”.
O proxecto foi dado a coñecer este mes de outubro durante unha visita ao Son da conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, que foi recibida polo alcalde Luis Oujo, e que acudiu ao inmóbel xunto ao rexedor para analizar os detalles da iniciativa municipal co obxectivo de abordar e coordinar diferentes iniciativas encamiñadas a reforzar a oferta e o acceso á vivenda no municipio.
Durante o encontro, ambas as administracións analizaron as necesidades actuais da localidade neste eido e puxeron sobre a mesa vías de colaboración para o desenvolvemento de proxectos conxuntos. O contacto enmárcase na rolda de xuntanzas institucionais que a Consellería vén mantendo cos gobernos locais para impulsar plans residenciais sustentábeis e adaptados á realidade de cada concello galego.



