
A Deputación da Coruña celebra unha nova edición das Xornadas Europeas do Patrimonio (XEPDAC), do 20 ao 25 de outubro con diferentes actividades no patrimonio provincial, converténdose “no motor dunha ampla programación cultural deseñada para poñer en valor, protexer e achegar o noso legado á cidadanía”, tal e como sinalou o deputado de patrimonio, Xosé Penas. Visitas guiadas, monicreques, contos, música, maxia, espeleoloxía e fotografía completan o programa da terceira edición das XEPDAC.
Este ano, o lema deste evento internacional, impulsado conxuntamente pola Unión Europea e o Consello de Europa, é Patrimonio en risco: revivir, resistir, reimaxinar. Este punto de vista, informou Penas, “formula unha reflexión necesaria sobre a vulnerabilidade do legado cultural ante desafíos globais como a crise climática, a urbanización acelerada e a degradación ambiental”.
E engadiu: “Vivimos nun momento de grandes desafíos globais. A crise climática, a urbanización acelerada e a degradación ambiental ameazan a herdanza que nos define. Fronte a isto, dende a Deputación non somos suxeitos pasivos: entendemos que protexer o noso patrimonio non é só mirar ao pasado; é un acto de resiliencia, salvagarda da nosa diversidade e cohesión social”.
Actividades escolares

A terceira edición das XEPDAC comezará cun conxunto de actividades escolares, que se desenvolverán polas mañás de martes a xoves en diferentes espazos patrimoniais da Deputación da Coruña. O martes 20 de outubro, o Dolmen de Axeitos (Ribeira) acollerá a proposta escénica e pedagóxica Latexos, de K’Paparota Teatro, protagonizada por Carmen Conde. O mércores 21 de outubro, o dúo Os Monifates levará a súa montaxe de música e marionetas Os Monifates no Camiño ao patio das Torres do Allo (Zas). O xoves 22, o patio de armas do Castelo de Vimianzo será o escenario dun espectáculo de maxia e ilusionismo dirixido ao alumnado da man de Samuel Moreno.
Actividades para o público xeral
A fin de semana, as xornadas abriranse ao público xeral con actividades gratuítas que requirirán reserva previa:
· Venres 23 de outubro: A programación centrarase na área norte con visitas guiadas á antiga Batería militar da Bailadora (Ares, ás 11:00 h e 13:00 h), ao Mosteiro de Santa María de Monfero (Monfero, ás 12:00 h, 16:00 h e 18:00 h) e ao Convento do Rosario (San Sadurniño, ás 17:00 h e 19:00 h).
· Sábado 24 de outubro: A xornada combinará divulgación patrimonial, paisaxe e aventura subterránea con visitas guiadas ao Faro da punta Nariga (Malpica de Bergantiños, ás 11:00 h e 13:00 h) e un percorrido interpretativo con incursión espeleolóxica no Pico Sacro (Boqueixón, ás 11:00 h, 12:00 h, 13:00 h, 16:00 h e 17:00 h). A programación do sábado pecharase ás 19:30 h cun obradoiro práctico de iniciación á fotografía da arte rupestre nos Petróglifos de Villestro (Santiago de Compostela), impartido polo Colectivo A Rula.
· Domingo 25 de outubro: As XEPDAC despediranse con visitas guiadas á fortaleza altomedieval do Castelo do Casón (Ortigueira, ás 11:00 h e 13:00 h) e ao complexo arqueolóxico e marítimo de Punta Sarridal (Cedeira, ás 12:00 h e 16:00 h).
A asistencia a todas as actividades é gratuíta, mais require reserva previa por mor da limitación de prazas. A reserva realizarase en liña e o prazo de inscrición abrirase o vindeiro venres 16 de outubro ás 12:00 h a través da páxina web da Deputación da Coruña.



