
Este martes 13 de outubro Goberno e oposición de Ribeira fixeron balance do ano de mandato do actual Executivo, comandado en bipartito polo Partido Popular (con María Sampedro á fronte) e o PBBI (con Vicente Mariño exercendo de primeiro tenente de alcalde). A rexedora valorou “moi positivamente” os logros acadados neste 365 días á fronte, dixo, “dun Goberno municipal unido, sólido, dialogante e de xestión que traballa no presente e futuro de Ribeira co foco nas persoas para as súas políticas municipais”.
Un Executivo local que, para Sampedro, “goberna para todos, sen excepción, e no que si está representada a inmensa maioría dos ribeirenses; unha inmensa maioría que foi elixida nas urnas, cun resultado de 13 concelleiros dos 21 que conforman a Corporación municipal”.
Sampedro amosouse crítica co “rancor” do BNG por dixo, “perder unha Alcaldía que se crían propia con tan só 5 concelleiros. A algúns que presumen do termo demócrata, parece que esquecen as regras da democracia. Ribeira non pode seguir ancorada no pasado. Ribeira non pode seguir dividida como estaba entre aqueles que repartían os carnés de bos e os carnés de malos. Queremos unha Ribeira sen crispación”, declarou a actual mandataria local, quen se referiu ao anterior goberno como “o da parálise”.
“En contraposición”, engadiu, “o actual Executivo está centrado no presente e futuro de Ribeira no que xa se aprobaron dous orzamentos municipais en apenas 7 meses (o último por máis de34 millóns de euros); xestiónanse fondos propios e outros procedentes doutras administracións; e mantense diálogo con tódalas institucións, independentemente do partido, pois son a alcaldesa de tódolos ribeirenses, dos que votaron ao meu partido e tamén dos que non”, comentou, ao tempo que puxo o foco en “logros como a consecución da futura residencia de maiores”, que, segundo dixo, recibiu un empuxón definitivo no pleno ordinario de setembro, no que foi aprobada a incorporación da parcela de San Roque ao inventario para albergar dita infraestrutura e a mutación demanial subxectiva desa finca, é dicir, cambar de titularidade municipal a autonómica, sen modificar a natureza do ben que é de servizo público”.
Tamén enxalzou os pasos para a materialización do novo polígono industrial, “para que pase do papel ao terreo”. No mes de setembro, dixo, “comezaron os estudos xeolóxicos e xeotécnicos in situ para avanzar no proxecto de urbanización. Actualizaranse, entre outros aspectos, as medicións, as solucións construtivas e as redes de servizo”.
E engadiu: “No marco do Plan de Sustentabilidade Turística en Destino (PSTD) pasouse dunha execución do 30% ao 100% e, así mesmo, impulsáronse iniciativas que estaban gardadas no caixón como o carril bici que discorre por Palmeira”.
A rexedora tamén puxo en valor que se duplicase o investimento para as melloras nos centros educativos, ademais da rehabilitación do colexio O Grupo que se acometerá en vindeiras datas. Outras iniciativas que quixo resaltar son “o remate da rehabilitación da fachada do paseo das Carolinas, a renovación do parque de Coroso, a construción dun novo parque canino en Cubeliños ou o novo parque infantil que se erixirá na praza do Centenario por máis de 160.000 euros”.
Así mesmo, engadiu, “aplicáronse máis de 400.000 euros a melloras en instalacións deportivas, púxose en marcha o renting para a maquinaria da Fieiteira e neste mes recepcionarase o Centro de Deportes Náuticos”.
No capítulo de atención a servizos básicos, destacou “o medio millón de euros para pavimentacións; a incorporación nos orzamentos de 60.000 euros para puntos de luz; ou o coidado ao patrimonio local.
Ademais, Sampedro indicou que “se seguirá traballando para a revitalización de Bandourrío a través da PAI-EDIL despois de que o actual Goberno comprase a antiga fábrica de Cerqueira (eixo vertebrador da iniciativa) e se acadase co-financiamento para a execución deste proxecto por importe de preto de 11 millóns de euros; e doutros proxectos nos que se están centrando esforzos son a nova biblioteca municipal (reformulándoo coa previsión de sacar a licitación a principios de 2027) e a posta en marcha da mellora da curva da Muiñeira”.
“Todo isto”, dixo, “demostra que somos un Goberno de solucións, non de confrontacións. Quedan atrás os tempos da división e dunha minoría que buscaba a crispación e que lonxe de buscar a dignidade, rompérona”, en palabras da primeira edil.
Con todo o exposto coincidiu o seu compañeiro de equipo, o voceiro do PBBI, Vicente Mariño de Bricio, para quen “foi un gran ano para Ribeira e todo isto corrobora que a decisión adoptada foi a correcta para os veciños e veciñas. Este é un equipo no que existe diálogo, colaboración e confianza.”
A maiores salientou os 1’6 millóns de euros destinados á adxudicación do contrato do Servizo de Axuda no Fogar, para o cal tamén se solicitou a ampliación das horas de atención. E sinalou tamén “o acordo acadado para destinar a antiga lonxa para uso dos redeiros”.
Vicente Mariño di que “as siglas non poden estar por riba dos intereses de Ribeira”
Vicente Mariño, voceiro do PBBI, destacou “a estabilidade do Goberno de María Sampedro” e reivindicou “os avances dos últimos doce meses”.
Tamén asegurou que “as siglas non poden estar por encima dos intereses de Ribeira”
Mariño de Bricio lembrou que hai exactamente un ano ambas as formacións iniciaron unha nova etapa de goberno e comentou que “foi unha decisión meditada, tomada con responsabilidade e non exenta de custos persoais e políticos”.
Con todo, engadiu, “tiñamos claro que Ribeira necesitaba unha nova etapa, recuperar a iniciativa e poñer fin a unha situación de bloqueo. É dicir un novo goberno que puidese afrontar os retos que Ribeira tenia por diante, á vez que desbloquear temas de enorme importancia, que froito do sectarismo do BNG estaban enquistados”, sinalou, ao tempo que destacou que “durante estes doce meses o Goberno municipal aprobou dous orzamentos en apenas sete meses, o último deles superior aos 34 millóns de euros, con máis de 5,2 millóns destinados a investimentos”.
No ámbito dos servizos sociais, área da que é responsábel, puxo en valor “a adxudicación do contrato de axuda no fogar, por máis de 1,6 millóns de euros anuais, así como o compromiso de continuar ampliando as horas de atención ás persoas dependentes tal e como se reflectiu no último pleno municipal”.
Mariño de Bricio, como concelleiro de Desenvolvemento Industrial salientou tamén “os avances no polígono industrial de Pedras Vermellas, tras a sinatura do protocolo coa Xunta de Galicia, e as actuacións encamiñadas a facer realidade a nova residencia pública de maiores”.
Mariño dixo que “co BNG Ribeira non tería polígono industrial, pois apostaba polo antigo macropolígono comarcal”.
Mencionou tamén “os investimentos en pavimentacións, mantemento e infraestruturas do concello, a recuperación da antiga lonxa para os redeiros, o impulso de proxectos como a biblioteca municipal, o edificio de deportes náuticos e o conservatorio de Aguiño”.
Na rolda de prensa mencionou que “son proxectos que se atopan en distintas fases de tramitación e execución, pero que demostran onde concentramos os nosos esforzos e cales son as nosas prioridades”.
Mariño resaltou ademais “o gran traballo realizado polos seus compañeiros de partido, Herminia Pouso en Facenda con dous orzamentos en sete meses e Fernando Abraldes organizando unhas impresionantes festas en Ribeira, aforrando custos respecto ao seu predecesor”.
Vicente Mariño quixo destacar tamén “o funcionamento interno do Goberno de coalición e a relación de confianza construída entre os dous partidos”, sinalou, ao tempo que comentou que “un goberno de coalición non consiste simplemente en repartir concellerías, consiste en compartir responsabilidades, traballar con lealdade e entender os problemas dos veciños vingan de onde veñan”.
E comentou: “Aínda que hoxe represento o Partido Barbanza Independente, podo dicir con toda sinceridade que neste goberno tanto eu como o resto de concelleiros volvémonos a sentir como na casa”.
Mariño de Bricio agradeceu “expresamente” á alcaldesa, María Sampedro, “a súa confianza, a súa capacidade de diálogo e a súa disposición para traballar conxuntamente, así como a implicación de todos os concelleiros de ambas as formacións neste proxecto”.



