
O Centro Sociocultural – Auditorio de Rianxo vai acoller en novembro un Curso de Iniciación á Lingua e á Cultura Galegas. Será do 9 ao 20 de novembro, de luns a venres, en horario de 16.00 a 18.00 horas. Será para persoas adultas maiores de 16 anos interesadas na aprendizaxe da lingua e a cultura galegas nun nivel inicial. Máis datos (e inscrición) en cultura@concelloderianxo.gal e no teléfono 981 100 688.
O curso ten unha duración de 20 horas repartidas en 5 unidades. Nelas vanse estudar nocións básicas de lingua galega xunto con outras de carácter cultural. Na parte de gramática hai unha introdución á fonética do galego, xunto coas distintas clases de palabras (artigos, pronomes persoais substantivos, adxectivos, verbos, adverbios, preposicións, conxuncións etc.), ortografía básica (uso de distintas grafías, regras de acentuación etc.) e outros recursos de utilidade para a comunicación na vida cotiá. Inclúense, así mesmo, contidos relacionados coa cultura e a historia de Galicia (gastronomía, tradicións, festas, música etc.).
A remate do curso entregarase un diploma (20 horas de formación), diploma será expedido pola Secretaría Xeral da Lingua da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.
Forma parte do programa formativo da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, a través da Secretaría Xeral da Lingua, e coa colaboración do Concello de Rianxo.



