A Libraría Social ULA de Outes (situada na rúa da Capela) prepara unha completa axenda cultural e festiva para conmemorar o inminente Samaín do 1 de novembro.

A programación comezará o vindeiro 23 de outubro (venres) co obradoiro creativo Lendas de monstros, espíritos e outras criaturas da Galicia misteriosa, que será impartido pola escritora Cristina Carou. A cita dará comezo ás 19.30 horas e terá un custe de 10 euros. Será necesario facer as inscricións previamente na ULA, xa que as prazas serán limitadas.

Na seguinte semana, o 29 de outubro celebrarase outro obradoiro creativo, pero desta volta centrado na rapazada: o taller Crea a túa personaxe de Samaín e escribe contos arrepiantes, para nenas e nenos de a partir de 7 anos. Será tamén impartido pola escritora Cristina Carou. Desenvolverase entre as 18.00 horas e as 19.30 horas no local que a ULA Libraría Social ten na rúa da Capela da Serra.

Cristina Carou tamén será a responsábel de impartir o 26 de outubro o Obradoiro de Pintamacetas de Samaín, entre as 18.00 e as 20.00 horas na ULA de Outes. Será unha actividade creativa para todas as idades, con materiais incluídos.



