
A Fábrica de Sel foi escenario durante catro días (desde o mércores 7 ata o sábado 10 de outubro) das actividades da III edición das Xornadas da Historia de Muros. Artellouse como un encontro entre expertos en diversas disciplinas que abordaron aspectos clave da historia e do patrimonio local, abranguendo unha serie de relatorios e debates que culminaron cun concerto de clausura.
A programación pechouse o sábado cun relatorio da restauradora e conservadora de bens culturais Manuela Lariño, que abordou a cuestión de As capelas portátiles e a súa salvagarda. Tamén chamadas capeliñas de viaxe, son pequenas urnas de madeira con portas batentes que acubillaban imaxes relixiosas que eran trasladadas polos fogares das aldeas e das vilas.
Como broche final ás xornadas, as persoas asistentes puideron desfrutar don concerto de música a cargo de Rafa Fernández (guitarra) e Benjamín Otero (oboe).

Clausurou as xornadas a concelleira de Cultura de Muros, Caridad González, que destacou que “queremos coñecer mellor e poñer en valor o noso patrimonio histórico e cultural da man da veciñanza e visitantes, tratando diferentes aspectos da historia, tradicións e costumes do noso concello”. Incidiu na súa aposta por consolidar estas xornadas, co fin de garantir a posta en valor do patrimonio e tradición do Concello.
As xornadas inauguráronse o mércores 7 de outubro con gran éxito de público. Estiveron coordinadas pola investigadora Marga Novo. No primeiro día das actividades, Josefa Fernández e María Mayo, técnicas do concello, interviron e presentaron a exposición Muros nos seus documentos. Ao día seguinte, celebrouse a charla Singularidades da Semana Santa de Muros, de María Mayo. O venres 9 foi a quenda de A salga e as conserveiras e Muros, da man do historiador Santiago Llovo. O día 10 interveu como dixemos Manuela Lariño (experta en conservación e restauración de patrimonio).
As xornadas foron conducidas por Marga Novo Malvárez, doutora en Historia da Arte (UIB).



