
O Laboratorio Ecosocial do Barbanza é un dos tres finalistas da categoría Verde dos premios Europa se Siente 2026, organizados pola Secretaría Xeral de Fondos Europeos do Ministerio de Facenda para recoñecer o impacto dos proxectos financiados pola Unión Europea. Tras superar varias fases de selección e unha votación popular, representantes do proxecto defenderán a súa candidatura o 12 de novembro en Alcoi, no marco do Acto Anual de Fondos Europeos. Ese mesmo día anunciaranse os gañadores.
Nacido en 2020 por iniciativa da Fundación RIA (impulsada en orixe polo arquitecto inglés David Chipperfield, afincando en Corrubedo, Ribeira) e do grupo de investigación Histagra da Universidade de Santiago de Compostela, o Laboratorio parte do coñecemento das comunidades locais para desenvolver novas formas de xestión do territorio. Ao longo destes anos foi incorporando outros axentes, ata reunir nun proxecto coordinado pola Fundación RIA á Plataforma pola Defensa do Monte, á Universidade de Santiago de Compostela, á Universidade Pablo de Olavide, ao Concello de Rianxo e á Fundación Montescola.
Dende a Fundación RIA lembran que “este traballo colaborativo permitiu obter en 2024 preto de dous millóns de euros de financiamento europeo, a través da convocatoria de bioeconomía forestal da Fundación Biodiversidad do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (MITECO)”. Durante dous anos, engaden, “este apoio posibilitou desenvolver intervencións para diversificar os usos dos montes e vincular a conservación ambiental coa actividade económica local, acompañadas de investigación e formación”.
Entre as actuacións desenvolvidas figuran a xestión de biomasa forestal en máis de 200 hectáreas e a plantación de 3.000 castiñeiros en Rianxo. O proxecto tamén impulsou un rabaño mancomunado para o aproveitamento dos montes mediante gandaría extensiva, así como un plan de ordenación conxunta de seis comunidades de montes. Os traballos forestais mobilizaron máis de 400.000 euros en contratacións con seis empresas locais. Estas intervencións acompáñanse de investigación sobre a restauración dos solos e a gobernanza comunitaria, ademais de actividades educativas e de voluntariado. O conxunto destas accións busca reforzar a capacidade das comunidades para decidir sobre o seu territorio e compartir aprendizaxes que poidan ser útiles noutras contornas rurais.
A Fundación salienta desta maneira que “os resultados deste traballo coordinado están a recibir recoñecemento institucional”. Asi, en 2025 o MITECO distinguiu o Laboratorio como unha das 39 iniciativas exemplares na execución do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, seleccionadas entre máis de 1.000 proxectos subvencionados en toda España.
“O pase á final dos premios Europa se Siente dá visibilidade ao traballo das comunidades locais do Barbanza e das entidades participantes”, apuntan dende o Laboratorio Ecosocial.
De resultar gañador, o premio podería ampliar a difusión dos resultados e facilitar novas colaboracións que contribúan á continuidade do Laboratorio e á aplicación das súas metodoloxías noutros territorios. “Sería tamén un respaldo á xestión comunitaria dos montes como vía para previr incendios e xerar actividade económica no rural”, conclúen.



