
O Goberno de Noia vén de adxudicar á empresa local Pavimentos Noia, por un importe de 45.000 euros, a renovación dos parques infantís de Barro, O Obre e o paseo marítimo da vila. Segundo informou o Concello, “a actuación permitirá mellorar tres espazos que presentaban un importante deterioro polo uso e polo paso do tempo, incorporando novos xogos e renovando as condicións de seguridade das áreas”.
En Barro instalarase un novo conxunto multixogo con plataformas, escaleiras, pasarela, paneis e varios tobogáns. No parque infantil do Obre colocarase outro conxunto de maiores dimensións, con elementos de gabear, plataformas, barras e tobogáns.
Nos dous espazos renovaranse tamén as bases e os pavimentos de seguridade, cunha capa amortecedora homologada e acabado en céspede artificial.
Ademais, no paseo marítimo de Noia colocarase unha nova estrutura de cordas e trepa, con redes, pontes, plataformas, elementos de equilibrio e tobogán. Os traballos incluirán tamén diferentes reparacións e melloras no parque existente para recuperar e poñer ao día esta área infantil.
O tenente de alcalde e concelleiro de Obras e Servizos, Manolo Seijas, explicou que “imos pouco a pouco renovando os distintos parques infantís de Noia. Son espazos moi utilizados polas familias e algúns deles levaban tempo precisando investimento, mantemento e novos xogos. Agora actuamos en Barro, O Obre e o Paseo Marítimo, pero a intención é continuar progresivamente co resto dos parques do municipio”.
Pola súa banda, o alcalde de Noia, Fran Pérez, destacou que “queremos que os investimentos municipais se traduzan tamén en melloras que as familias poidan desfrutar todos os días. Ter parques coidados, seguros e con bos equipamentos tamén é mellorar a calidade dos nosos espazos públicos”.
A intervención inclúe tanto a colocación dos novos xogos como a preparación dos terreos, a execución das bases e pavimentos de seguridade e os traballos necesarios para deixar as instalacións completamente acondicionadas antes da súa apertura ao público.
Unha vez emitida a orde de inicio, a empresa adxudicataria contará cun prazo máximo de catro semanas para executar os traballos.



