
A compañía da nosa comarca CONGALSA anunciou hoxe que vai aproveitar á a súa presenza no prestixioso salón feiral Conxemar 2026 para dar a coñecer a súa nova campaña, O mellor está por servir, unha iniciativa innovadora que reflicte o compromiso da firma da Pobra coa innovación e a versatilidade e a súa aposta por anticiparse ás necesidades do mercado e desenvolver propostas aliñadas coas tendencias actuais da restauración.
“Queremos trasladar un concepto que olla cara ao futuro e ofrecer produtos que acheguen solucións reais a este sector, unha premisa que leva anos no ADN da nosa compañía», sinalou José Ramón Núñez, director Comercial e de Marketing da empresa con sede principal no Polígono da Tomada.
Entre o 6 e o 8 de outubro, en Vigo, CONGALSA, firma principal da corporación empresarial homónima, mostrará a súa capacidade de desenvolvemento de referencias de alimentación que combinan sabor e practicidade.
“Con O mellor está por servir apostamos pola mellora continua para ofrecer aos nosos clientes do sector da restauración solucións de alimentación capaces de xerar novas oportunidades de negocio”, engade o directivo da firma pobrense.
No Hall 3.2, caseta 3C02 do IFEVI, a firma da Pobra presentará diversas novidades e referencias destacadas das súas marcas Ibercook, Yatecomeré, Sulpasteis e Lenger Seafoods Vietnam.
Produtos pensados para seguir medrando

Baixo o paraugas desta campaña, orientada a hostalería, tapeo e colectividades, a compañía dará a coñecer unha selección de novos produtos e formatos, concibidos para continuar medrando dentro do sector da alimentación, como os rolos e mini rolos de lagostino, os tacos de abadexo en tempura, as porcións de abadexo con prebe, o lagostino crunchy, as carnitas mexicanas, as empanadillas de polo e atún ou a croqueta de ovo frito e chourizo, entre outros.
“Todas estas propostas desenvolvéronse para axudar aos profesionais para adaptarse ás novas demandas do mercado”, reitera José Ramón Núñez, quen tamén destaca que a empresa aproveitará a súa participación en Conxemar para compartir cos seus grupos de interese a súa visión sobre “a evolución do sector e as oportunidades que ofrece a innovación aplicada ás súas principais gamas de produto”.
Paralelamente, durante a feira, a compañía reforzará as súas relacións institucionais e manterá encontros con representantes de distintos ámbitos.
“Cremos sinceramente no lema da nosa campaña e animamos a todos os nosos clientes, distribuidores e colaboradores a descubrilo de primeira man no noso espazo expositor do IFEVI. En CONGALSA, o mellor está por servir”, finaliza o director Comercial e Marketing da compañía.



