
A directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Ángeles V. Suárez, destacou as posibilidades que ofrecen o mercadotecnia dixital e a intelixencia artificial para mellorar a comunicación das peixarías cos seus clientes e impulsar a promoción dos produtos do mar.
Fíxoo durante a inauguración dunha xornada formativa celebrada na Coruña e organizada pola Asociación de Minoristas do Porto da Coruña, coa colaboración da Federación Nacional de Peixarías (FEDEPESCA) e o apoio da Consellería do Mar.
Suárez puxo en valor o papel das peixarías como último elo da cadea de comercialización dos produtos pesqueiros e como comercios de proximidade nos que a atención personalizada e o coñecemento dos produtos contribúen a xerar confianza entre os consumidores. A incorporación de ferramentas tecnolóxicas pode axudar a dar maior visibilidade ao traballo destes profesionais e ofrecerlles novas vías para relacionarse coa clientela.
A intelixencia artificial permite facilitar tarefas como a elaboración de publicacións para redes sociais, a planificación de contidos ou a adaptación das mensaxes a distintos públicos. A directora xeral incidiu, con todo, na importancia de utilizar estas ferramentas de maneira responsable e manter o criterio profesional á hora de revisar e seleccionar os contidos xerados.
A formación é outro dos elementos destacados para favorecer a incorporación destas tecnoloxías ao comercio especializado. O apoio da Consellería do Mar a iniciativas deste tipo busca estender a innovación e a dixitalización ao conxunto da cadea mar-industria, incluídos os establecementos que manteñen un contacto directo cos consumidores.
A xornada desenvolveuse na Escola Superior Marcelo Macías da Coruña e incluíu un exercicio práctico no que os participantes tiveron que crear unha peixaría ficticia. O traballo abarcou desde a definición do público obxectivo e dos valores do negocio ata a creación da súa identidade visual e dunha campaña de comunicación, utilizando ferramentas de intelixencia artificial para xerar logotipos, imaxes e outros recursos gráficos.




