Desde o principio do mandato o BNG de Dodro está trasladando aos gobernos locais e autonómico a preocupación veciñal polo que é, nas súas palabras, “unha falta de investimento en Dodro” e “unha falta limpeza e asfaltado ao longo da estrada da Xunta AC-305 que vertebra o municipio”. Critican tamén ao Concello, facéndose eco das demandas veciñais, por “non ter mellorado a recollida do lixo nin a limpeza nas aldeas”.
O BNG entende que “o Goberno en minoría do PSOE está desbordado coas peticións e necesidades básicas”. E engaden: “Diante das previsíbeis xubilacións ou baixas do persoal municipal non existe unha rápida substitución para atender servizos básicos municipais e hai prazas sen cubrir”. O portavoz municipal do BNG de Dodro asegura: “Só teñen que seguir o que fixemos no anterior mandato”.
Engade que malia “os 26 postos de traballo da actual RPT, apoiada polo BNG, non están todas as prazas cubertas”. Pola contra, din que si que o está o servizo de arquitectura, demanda histórica do BNG, “cunha praza interina grazas a unha lista de contracción da Deputación da Coruña ou o reforzo de Servizos Sociais promovido polo BNG que continúa desde o anterior goberno”, sinalan, engadindo que “non están cubertas prazas nin renovadas todas as listas de substitución para atender como merece toda a cidadanía, por exemplo na área de Obras e Servizos”.
Estas demandas motivaron a elaboración dun vídeo que o BNG compartiu nas redes a principios de verán.




