
O Concello de Muros acadou unha cifra récord de participación nos Obradoiros Culturais Municipais convocados esta tempada: unha cifra de máis de 600 preinscricións.
As actividades (costura, bordado, teatro, pintura, bailes de salón, traballos manuais, cociña, gravado, arte floral e encaixe) darán comezo a partir do 19 de outubro. As persoas que realizaron a preinscrición poden formalizar a súa matrícula ata o 30 de setembro.
O Concello engadiu que a programación manterá a súa presenza en todas as parroquias e ofrecerá “unha ampla variedade de actividades dirixidas a diferentes idades e intereses, consolidándose como unha das iniciativas municipais con maior participación da veciñanza”.
Entre as novidades deste curso destaca a recuperación do obradoiro de bailes de salón, segundo informou o Concello “unha actividade moi demandada nos últimos anos e que regresa á programación cunha excelente acollida”.
Outro dos aspectos máis destacados desta edición foi a gran aceptación do obradoiro de cociña, que, segundo confirmaron dende o Consistorio, “converteuse nunha das actividades con maior número de solicitudes, confirmando o interese da veciñanza por propostas vinculadas á aprendizaxe práctica e aos hábitos de vida saudábeis”.
A concelleira de Cultura, Caridad González, destacou que “superar por primeira vez as 600 preinscricións é unha mostra da consolidación dos Obradoiros Culturais Municipais e do interese que existe en Muros por participar na vida cultural e formativa do concello”.
A edil subliñou ademais que “este ano apostamos pola recuperación do obradoiro de bailes de salón, unha actividade que levaba tempo sendo demandada pola veciñanza e que rexistrou máis de 70 preinscricións, confirmando que existía unha necesidade real de volver incorporala á programación”.
González destacou tamén “a extraordinaria acollida do obradoiro de cociña e o feito de poder seguir levando actividades a todas as parroquias, favorecendo o acceso á cultura e á formación en igualdade de condicións para toda a cidadanía”.
Toda a info en:
See less


