Este martes 22 de setembro segue activo o lume forestal do concello de Porto do Son, orixinado e focalizado (polo de agora) na parroquia de Ribasieira, nun lugar de difícil acceso que pola súa complicada orografía e pola precariedade dos accesos motivou onte o envorcamento dunha motobomba da Brigada de Noia. Segundo puidemos saber, o lume xa superou as 45 hectáreas afectadas (datos actualizados pola Consellería de Medio Rural na mañá deste martes 22). Nos labores de extinción estiveron a traballar dende o aire cinco avións e sete helicópteros, dispositivo aéreo que retomou o traballo co inicio da xornada.
En terra contouse cun amplo operativo formado por dúas ducias de brigadas, vinte axentes, 14 camións motobomba, dúas pas, dous técnicos e dúas unidades técnicas de apoio. O lume comezou sobre as 15.00 horas do luns e foi estendéndose durante a tarde.
Como dixemos, durante os traballos de extinción do incendio produciuse un accidente no que se viu implicada a motobomba da Brigada Municipal de Noia, motivado por un desprendemento do terreo que provocou que o vehículo caese de xeito aparatoso por un barranco. O motobombista foi atendido polos servizos de emerxencias e trasladado polo 061 ao Hospital do Barbanza. Afortunadamente, atópase ben, con feridas leves, e permanece en observación.
O resto da Brigada Municipal de Noia continuou traballando no incendio do Son, colaborando nos labores de extinción.




