A Consellería do Mar a través de Portos de Galicia anunciou que vai renovar as escaleiras e varandas de uso profesional do peirao de Aguiño. Así llo trasladou a presidenta do ente público, Natalia Botana, ao patrón maior da confraría de pescadores da localidade, José Antonio Santamaría, nunha reunión na sede do organismo portuario en Santiago.
Botana informou a Santamaria de que “estas melloras executaranse no marco das tarefas de mantemento e conservación das infraestruturas portuarias que realiza o ente público de xeito recorrente. As novas actuacións sumaranse ás recentes renovacións de defensas e varandas xa executadas en fases anteriores”.
Ademais, durante o encontro ambas partes abordaron as prioridades de investimento en novas infraestruturas para o porto de Aguiño a medio prazo. A presidenta de Portos indicou que o ente público buscará alternativas para a ordenación da flota na lámina de auga e estudará a posibilidade de dotar de espazos de almacenaxe aos mariñeiros que traballan neste peirao.




