Os cadaleitos ofrecidos volveron desfilar polas rúas da vila nunha xornada marcada polo fervor relixioso, a emoción e o respecto á tradición
O bo tempo acompañou o día grande das festas, que reuniu a milleiros de persoas chegadas de toda Galicia

A Pobra do Caramiñal volveu vivir este domingo unha das manifestacións de fe e tradición máis senlleiras e concorridas de toda Galicia coa celebración da procesión das Mortallas do Nazareno. Milleiros de persoas abarrotaron as rúas da localidade barbancesa para presenciar un dos cortexos relixiosos máis singulares do país, no que a solemnidade e a emoción colectiva volveron ser as grandes protagonistas.
O momento álxido da xornada tivo lugar trala eucaristía solemne celebrada ao mediodía na igrexa parroquial de Santiago do Deán. A saída da imaxe procesional de Xesús Nazareno marcou o inicio dun percorrido encabezado polo tradicional desfile de cadaleitos abertos. Neles procesionaron, amortallados co hábito morado e conducidos a ombreiros por familiares e achegados, os ofrecidos que no último ano superaron graves enfermidades ou situacións límite, cumprindo así as súas promesas en sinal de gratitude pola axuda divina atribuída ao santo.
Xunto ás cadaleitas, centos de fieis completaron o itinerario a pé, moitos deles descalzos, portando grosos cirios acesos e vestindo tamén a túnica morada de penitente. O silencio respectuoso e a emoción foron a tónica dominante ao paso da imaxe polas principais vías da vila, interrompido unicamente polos toques dos claríns, os tambores e as badaladas dos templos locais.
As boas condicións meteorolóxicas rexistradas ao longo de todo o día favoreceron unha afluencia masiva, congregando non só a veciños da comarca do Barbanza, senón tamén a numerosos visitantes e devotos procedentes de distintos puntos da xeografía galega e estatal.
Tralo remate da marcha relixiosa, o ambiente de solemnidade deu paso á animación festiva que caracteriza o día grande pobrense, con pasarrúas de música tradicional, concertos de bandas e as tradicionais verbenas que enchen de actividade o peche deste domingo festivo.





