Avanzar cara modelos de xestión forestal máis respectuosos co medio natural, resilientes e multifucionais foi a finalidade do grupo operativo Multi-Forest, do que forma parte o grupo de investigación Hydro-Forest, da Universidade de Vigo. O traballo dos investigadores e investigadoras da Escola de Enxeñaría Forestal centrouse tanto no desenvolvemento dunha ferramenta de avaliación do estado da biodiversidade dos sistemas forestais, como na análise da viabilidade económica e dos beneficios sociais e ambientais dunha xestión diversificada. O seu traballo tivo como obxecto de estudo a Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Baroña (O Porto do Son), outro dos socios deste proxecto, que completan a Fundación Empresa Universidade Galega (Feuga) e a asociación promotora da certificación forestal PEFC Galicia.
A Casa Forestal desta comunidade de montes acollía este xoves 17 de setembro o evento de presentación de resultados dunha iniciativa que levou ao equipo da UVigo a confirmar a viabilidade económica do modelo de “xestión multifuncional” desta comunidade de montes.

Segundo fixeron saber, no marco do proxecto desenvolvéronse iniciativas orientadas a esa diversificación de usos, como plantacións de arandos, que se sumaban a outras propostas xa existentes, como a presenza de gando en extensivo, pastos ou colmeas. Gabriel Santos, de Feuga; Ovidio Queiruga, da CMVMC de Baroña; Elsa Grille de PEFC Galicia, e Xana Álvarez, investigadora principal do grupo Hydro-Forest foron as e os encargados de debullar nesta xornada os diferentes traballos realizados ao longo dos últimos tres anos no marco deste proxecto.

Multi-Forest é un proxecto financiado polas axudas, xestionadas pola Consellería do Medio Rural, para a execución de proxectos innovadores dos grupos operativos da Asociación Europea de Inovación (AEI), cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER), no marco do Plan Estratéxico da Política Agraria Común 2023-2027.
Como destacan desde o grupo Hydro-Forest, esta iniciativa tiña como obxectivo “dar resposta a algúns dos principais retos dos montes galegos, como a necesidade de diversificar as producións forestais, mellorar a toma de decisións na xestión e buscar novas oportunidades de aproveitamento en terreos con baixa produtividade”.
Segundo explicou a investigadora Elena Seoane, o primeiro labor do grupo Hydro-Forest centrouse no desenvolvemento dunha “ferramenta que permite avaliar o estado da biodiversidade dos sistemas forestais e obter información útil para a toma de decisións sobre a súa conservación e mellora”. A través de imaxes satelitais e de modelado espacial, o equipo investigador puido analizar a evolución e os cambios no uso do solo tanto nos montes xestionados pola CMVMC de Baroña como da súa contorna, o que permitía á súa vez obter información para a toma de decisións sobre “a diversificación do monte e a posta en marcha de novos usos”.
“Para nós, Baroña foi un laboratorio vivo”, recoñecía Xana Álvarez na presentación deste xoves, na que incidiu en que este grupo operativo permitiulles “aplicar as tecnoloxías coas que nós traballamos para ter unha información de grandes superficies de terreo dunha forma máis simplificada e que iso facilite a toma de decisións”, xa que se trata de ferramentas que permiten “identificar as necesidades de cada zona”.
Neste caso, o traballo desenvolvido permitiu a introdución dunha plantación de 250 arandeiras adultas. A esta iniciativa sumouse o traballo desenvolvido para certificar a cadea de custodia da carne de cabalo e do mel producido en Baroña, obtendo ambos o selo de xestión forestal sostíbel PEFC, nunha iniciativa pioneira.
Esta análise permitiu avaliar tamén a evolución na cobertura do solo dos montes de Baroña entre 2015 e 2024, un período no que, explica Seoane, aumentou a superficie forestal nos terreos xestionados pola comunidade de montes, “con maior presenza de coníferas e unha lixeira recuperación de frondosas autóctonas”. Estes traballos amosaron ademais que as masas forestais desta comunidade de montes permitiron almacenar 182.064 toneladas de carbono procedente da atmosfera, pondo de relevo a importancia do monte “para contribuír á mitigación do cambio climático”.





