Milagros Torrado achega este domingo un roteiro histórico-literario por Neixón

18 Setembro 2026
Milagros Torrado

A filóloga, investigadora, escritora e profesora universitaria Milagros Torrado Cespón (Boiro, 1983) vai conducir este domingo 20 de setembro o Roteiro Neixón no abrente da historia, unha proposta de divulgación activa encadrada nunha iniciativa da AELG que pretende dar a coñecer as cidades e vilas do país da man das nosas escritoras e escritores, que exercen de guías tomando como base obras propias ou alleas vinculadas a eses espazos. “Deste xeito, posibilítase que a cidadanía goce persoalmente dos espazos físicos na súa relación coa memoria literaria”, informa a AELG.

O roteiro será este domingo 20 de setembro, a partir das 12:00 horas, na porta do Centro Arqueolóxico do Barbanza (Neixón. Nine, s/n. Cespón, Boiro).

A actividade é gratuíta e non é necesaria inscrición previa (precisarase calzado cómodo e axeitado para a camiñada polo monte).

En palabras da autora: “Hai case vinte anos que Pepe Carreiro nos presentou a Manicho Cativo, ese rapaz rebuldeiro que vivía no castro de Neixón e frecuentaba asiduamente os seus coetáneos de Baroña. Vinde, xentes, coñecer a súa historia mentres imaxinamos o baile do sol sobre Cortegada no enclave privilexiado onde o río Beluso se funde coa ría de Arousa. Poderiamos preguntarlle aos habitantes do promontorio se xa daquela cantaban o de “Vaite de aí, vaite vaite / cara de leite fervido, / xa me dixo miña nai que tiñas o mal cativo” como apuntara Bouza Brey a principios do século XX ou se para quitar ese mal recollían loureiros que queimaban nunha fogueira de vidras sobre tellas virxes como indica Milagros Torrado xa no século XXI. Seguiremos camiñando para intuír a vida nos castros, inzados de marisco e, se Manicho Cativo tiña razón, lambetadas do mel que os osos deixaban para eles. Debullaremos as fontes históricas e arqueolóxicas dun asentamento que se segue a encher de bulicio na súa romaxe de agosto en convivencia harmónica entre o relixioso e o pagán e que tamén coñeceu as noites arriscadas daqueles tempos predecesores de Fariña. E, como non, quedaremos mirando o interior da nosa ría dende a punta lembrando a Manuel Maneiro, eterno habitante de Neixón”.

A actividade conta co apoio da Deputación da Coruña e a colaboración da A. C. Barbantia e o Concello de Boiro.

Outros artigos

Este domingo celébrase en Boiro a X edición do Trail dos Indios

O Club Tribu Trail celebra este domingo 20 de setembro, coa colaboración do Concello de Boiro, o X Trail dos Indios – Castelo de Vitres. Trátase dunha proba deportiva de dificultade técnica alta ao discorrer por sendeiros e zonas rochosas, beiras dos ríos, subidas de...

+

Publicidade

PEL

Revista en papel

Opinión

“Chulos e prepotentes” – José Manuel Pena

“Chulos e prepotentes” – José Manuel Pena

A honestidade está a converterse nun ben escaso, na sociedade actual, en favor da prepotencia, a chulería e a insensibilidade social e humana. Demasiados “personaxes” da política, do mundo financeiro, empresarial así como da farándula apenas recoñecen os seus erros e...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.