Na Pobra, o Museo Valle-Inclán acolle a maqueta do Santa Isabel

18 Setembro 2026

Este venres, día 18 de setembro, tivo lugar na Sala de Iconografía do Museo Valle-Inclán a rolda de prensa para presentar a nova exposición temporal da maqueta do buque Santa Isabel, afundido o 2 de xaneiro de 1921 nas costas de Sálvora (Aguiño), e que poderá visitarse durante o que resta do mes de setembro e ata principios de outubro.

A presentación contou coa participación de Patricia Lojo, concelleira de Cultura; Sara Barbazán, técnica do Museo Valle-Inclán; e José Antonio Barreiro Romero, autor da maqueta, que explicaron os obxectivos desta exposición, así como a historia do Santa Isabel, as súas conexións coa figura de Ramón del Valle-Inclán e o proceso de creación da propia maqueta.

Esta exposición ten como obxectivo recordar a traxedia do buque Santa Isabel, que naufragou ante a illa de Sálvora en 1921, tendo como resultado a perda de 213 persoas das 266 que levaba a bordo entre pasaxeiros e tripulantes.

Construído en 1914 e tristemente coñecido como o “Titanic galego”, o vapor-correo Santa Isabel trasladaba pasaxe con destino á emigración americana. Na madrugada do 2 de xaneiro de 1921, o Santa Isabel dirixíase ao porto de Vilagarcía de Arousa procedente da Coruña. Nas primeiras horas do domingo, un temporal do suroeste fixo que o vapor embarrancase fronte ao faro da illa, abríndose varias fendeduras polas que comezou a entrar auga. O mal tempo provocou que moitos dos botes salvavidas rompesen antes de chegar a poñer a salvo a ninguén.

O número de vítimas mortais sería maior se non fose pola intervención do segundo oficial, don Luis Cebreiro, e das coñecidas como Heroínas de Sálvora: María Fernández, Cipriana Oujo e Josefa Parada. Ao ter noticia do naufraxio, navegaron coas dornas durante varias millas, a pesar do temporal, e trataron de rescatar os pasaxeiros que, en botes e intentando poñerse a salvo, estaban a punto de bater contra as rochas. Serían axudadas desde terra por outra veciña, Cipriana Crujeiras. As mulleres regresarían varias veces ao lugar para traer a terra a varios náufragos e poñelos a salvo nunha enseada.

O impacto daquela traxedia, considerada unha das máis graves en canto ao número de vítimas civís, propiciou que figuras das letras españolas do século XX visitasen Ribeira para interesarse persoalmente polo sucedido. Entre elas estivo Ramón del Valle-Inclán, quen deixou un caderno manuscrito inspirado no acontecido para a creación dunha “traxedia grega”, unha obra que, tristemente, non chegou a finalizar.

José Antonio Barreiro Romero, de Vilagarcía de Arousa, é o autor da maqueta e desenvolve este labor artesán desde hai 25 anos. Realizou a primeira maqueta do Santa Isabel, que se expuxo en Ribeira no ano 2021, coincidindo co centenario da traxedia. Esta segunda maqueta rematouna en 2024 coa inestimábel axuda dos seus netos pequenos. Tras ser exposta en diversas institucións da contorna, finalmente chega ao Museo Valle-Inclán.

De balde e con visita libre ata completar o aforo da sala, a exposición poderá verse na Sala de Iconografía do Museo ata principios de outubro, cando deixará paso a unha nova exposición temporal sobre Tirano Banderas que se está preparando de cara ás XXVIII Xornadas de Homenaxe a Valle-Inclán, que se celebrarán proximamente ao longo dos meses de outubro e novembro.

Outros artigos

Este domingo celébrase en Boiro a X edición do Trail dos Indios

O Club Tribu Trail celebra este domingo 20 de setembro, coa colaboración do Concello de Boiro, o X Trail dos Indios – Castelo de Vitres. Trátase dunha proba deportiva de dificultade técnica alta ao discorrer por sendeiros e zonas rochosas, beiras dos ríos, subidas de...

+

Publicidade

PEL

Revista en papel

Opinión

“Chulos e prepotentes” – José Manuel Pena

“Chulos e prepotentes” – José Manuel Pena

A honestidade está a converterse nun ben escaso, na sociedade actual, en favor da prepotencia, a chulería e a insensibilidade social e humana. Demasiados “personaxes” da política, do mundo financeiro, empresarial así como da farándula apenas recoñecen os seus erros e...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.